O Concello de Fene está a levar a cabo traballos de mantemento e acondicionamento en camiños municipais. Estes labores enmárcanse nas actuacións habituais de conservación da rede viaria secundaria do municipio.
Parte desta rede presenta deterioro de diversa consideración, motivado principalmente polo paso do tempo, o tráfico intenso e as adversas condicións climatolóxicas. Este deterioro veuse agravado polos prolongados episodios de mal tempo rexistrados nas últimas semanas. Neste contexto, ao longo destes días executáronse actuacións de mellora do firme en varios camiños do termo municipal.
Os traballos realizados consistiron en rozas e limpeza superficial previa, perfilado e regularización do terreo mediante maquinaria mixta e a achega de saburra artificial nas zonas máis deterioradas. Posteriormente procedeuse ao estendido, nivelado e compactado do material, co obxectivo de garantir unha correcta estabilidade do firme e unha mellor drenaxe.
As actuacións xa executadas corresponderon aos camiños de Buios e Rañoa (Sillobre), Rego da Moa (Barallobre) e Casal (Magalofes). Na actualidade os traballos continúan nos camiños de Tellerías (San Valentín) e outros na parroquia de Fene.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, sinalou que “estas actuacións responden á necesidade de dar unha resposta áxil aos danos provocados polo mal tempo, garantindo condicións axeitadas de seguridade e transitabilidade na rede viaria municipal”. A rexedora subliñou tamén que “o Concello mantén unha planificación continuada de mellora dos camiños, baseada na análise técnica do seu estado e nas demandas da veciñanza”.
Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que “os traballos permiten eliminar desperfectos, regularizar fendas e reforzar o firme, mellorando as condicións de uso tanto para vehículos como para peóns, especialmente en tramos con pendentes ou cun deterioro máis acusado”.
ACTUACIÓNS PENDENTES DE LICITAR EN FENE
Desde o Concello de Fene avanzan ademais que se está a preparar a licitación de novas actuacións de acondicionamento. Cun investimento previsto de preto de 70.000 euros, permitirase continuar mellorando distintos puntos da rede viaria secundaria.
Entre as zonas previstas atópanse o Camiño do Sartego e a súa contorna, arredores da avenida Doutor Sixto Mauriz, a zona de Río Castro e o camiño entre a Estrada do Peirao e O Souto, reforzando así a seguridade e a accesibilidade en diferentes ámbitos do municipio.




