PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A rehabilitación da rúa Rubalcava en Ferrol superará os 2,2 millóns de euros

PorBisbarra

Martes, 4 Marzo 2025 , ,
A rehabilitación da rúa Rubalcava nas dúas fases suporá un investimento de máis de 2,2 millóns de euros.A rehabilitación da rúa Rubalcava nas dúas fases suporá un investimento de máis de 2,2 millóns de euros.

A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou o proxecto básico e de execución para a reurbanización da rúa Rubalcava. Este ano licitarase a primeira fase, no tramo comprendido entre a rúa María e a avenida do Rei. Así, acometerase a mellora do firme, actualmente en mal estado, cun investimento de 1,5 millóns de euros.

No tocante á segunda fase, abarcará dende a rúa da Igrexa ata María. Neste caso, as obras terán un custo de 731.000 euros. Así pois, sumando ambas fases o investimento da reurbanización da rúa Rubalcava superará os 2,2 millóns de euros.

O proxecto ten a finalidade de mellorar a trama urbana na totalidade da rúa Rubalcava, favorecendo a súa dinamización e a relación coa praza de Armas. Este proxecto constitúe unha actualización do documento entregado en novembro de 2024, incorporando as modificacións requiridas na zona PEPRI para a obtención da autorización das obras por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, coa que xa conta o Concello.

PUBLICIDADE

SITUACIÓN ACTUAL DA RÚA RUBALCAVA

“Pretendemos dar unha unidade ao conxunto da urbanización, mellorar a escena urbana e o espazo público existente”, explicou o rexedor. Así pois, comprenderá tamén a renovacón ou substitución total ou parcial dalgunhas das redes de servizos urbanísticos existentes. En xeral, o estado dos pavimentos é deficiente, presentando irregularidades e depresións, rexuntados deficientes, encontros inadecuados con paramentos ou desigualdade entre superficies.

O pavimento empedrado, situado en zonas de tráfico rodado, é moi irregular e as superficies “teñen tanto badenes como fochancas provocadas polo uso continuado da calzada e o escaso mantemento”, lamentou Rey Varela. En canto ás beirarrúas de baldosa, atópanse en moitos puntos rotas debido á subida dos vehículos á mesma, aínda que o afundimento da zona anexa da calzada provoca tamén movementos na beirarrúa.

DÚAS FASES PARA A REHABILITACIÓN DA RÚA RUBALCAVA

A obra levarase a cabo en dúas fases. A fase 1 comprende a prolongación da rúa Rubalcava cara ao barrio de Canido, desde a rúa María a Sol e ata a avenida do Rei. Está fóra da área regulada polo PEPRI e a tipoloxía de actuación será como o da rúa Lugo. O importe de actuación é de 1.512.000 euros.

Da rúa María a Sol atopamos unha beirarrúa con lousa histórica, aparcamento de lastra e calzada de formigón con plataforma única. De Sol á avenida do Rei, a beirarrúa é de granito gris bóveda, o aparcamento de lastra e a calzada de formigón.

O alcalde explicou que se fará unha adecuada planificación das obras para minimizar a afección sobre os usuarios. En función da zona na que se actúe, podería ser necesario ordenar a circulación pola zona prevista para estacionamento de maneira provisional, para evitar que se altere o tráfico circulante e non se causen grandes retencións. Durante a realización dalgúns traballos podería ser necesario desviar o tráfico por outras rúas de maneira puntual.

A fase 2 corresponde ao tramo incluído no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Barrio da Magdalena (PEPRI), que abarca desde o cruzamento coa rúa Iglesia ata María, incluíndo a contorna da praza de Armas. O importe de actuación é de 731.000 euros.

A plataforma será única, é dicir, a zona de tráfico rodado e a peonil dos laterais estarán á mesma cota desde a intersección coa rúa da Igrexa ata o cruce coa rúa Sol, coa fin de ampliar a praza de Armas e priorizar o uso peonil. Este ámbito está suxeito a criterios específicos de actuación para preservar o seu patrimonio histórico e arquitectónico.

De Igrexa a Magdalena, as beirarrúas serán como na rúa da Igrexa, de lousas de granito gris bóveda, calzada de formigón pulido e aparcamento de lastra, como na rúa do Sol. De Magdalena a Real, será igual pero con lousa histórica. No tocante ás rúas de Real a María, a beirarrúa será de lousas históricas recuperadas, a zona de lastras peonil e calzada de formigón pulido.

OBRAS FASE 1

O obxectivo principal é lograr unha actuación unitaria e coherente, mellorando tanto a escena urbana como o espazo público existente. Para iso, proponse a renovación dos pavimentos de beirarrúas e calzada mediante a incorporación de materiais de calidade acordes coa edificación existente e coa estética das rúas perpendiculares, co propósito de dotar ao barrio da Magdalena dun carácter unificado e harmonizado.

Así mesmo, como parte da renovación dos pavimentos, proxéctase a reorganización e mellora das infraestruturas de servizos existentes, o que inclúe a súa substitución e a incorporación de novas canalizacións.

O pavimento das beirarrúas neste tramo proxéctase con laxas de granito gris. Na calzada, o carril de circulación terá un ancho de tres metros e estará executado cunha laxa de formigón armado con acabado pulido, de 25 centímetros de espesor.

A zona de aparcamento, situada na marxe esquerda, terá un ancho de 1,90 metros e pavimentarase con lastras de granito recuperados da demolición da rúa. Na intersección da rúa Rubalcava coa avenida Doutor Fleming e rúa da Améndoa, os pasos de peóns son elevados e executados con formigón armado negro de 25 centímetros de espesor.

O cruzamento con Doutor Fleming contará cun espazo de estancia con zonas axardinadas e bancos, que separarán as áreas peonís do tráfico rodado. Finalmente, en todo o tramo instalaranse novas luminarias. “Queremos unha rúa na que poidan convivir con seguridade os peóns e os condutores, que favoreza a circulación rodada e que haxa tamén espazos verdes de acordo cos criterios do proxecto do PMUS”, concluíu o alcalde de Ferrol.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.