O Concello de Ferrol iniciou as obras de reparación da vía e ampliación da beirarrúa da rúa Seselle. Situada no Ensanche A, esta actuación enmárcase no plan de reparación de diversas vías na contorna urbana.
A pavimentación existente, con lousa de formigón, presentaba deficiencias que dificultaban o tránsito rodado. Esta problemática agrávase onde se executaron gabias de servizos de gas e telecomunicacións, presentando fochas e firme irregular. Ademais, a beirarrúa dereita non ten o ancho mínimo requirido para ser accesible.
Neste contexto, o Concello de Ferrol realiza un investimento de 48.084,17 euros para o arranxo do tramo máis deteriorado, repoñendo a lousa de formigón. Así mesmo, repararase a beirarrúa dereita, desde a intersección coa rúa Río Baxoi ata a da rúa Río Xubia. Ademais, aumentarase o seu ancho ata os dous metros, resolvéndoa mediante soleira de formigón.
Aplicarase un acabado ruleteado con rolo de espuma para lograr un acabado antiesvarante e executaranse pasos de peóns accesibles. Completando a actuación, repoñeranse as liñas de borde de vía, pintaranse os pasos de peóns e símbolos e instalarase a sinalización vertical precisa.
O prazo para a execución destes traballos é de dous meses.