O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación do proxecto de mellora do sistema de abastecemento de auga do Concello de Ares. Ao acto tamén asistiron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o alcalde aresán, Julio Iglesias, e representantes locais.
Rueda cualificou a actuación de “necesaria, ambiciosa e comprometida co futuro da vila”. Así, puxo en valor a colaboración institucional como vía para garantir servizos básicos que melloren a calidade de vida da cidadanía. “Os servizos que hai que dar nesta zona teñen que estar á altura do entorno e da capacidade de atracción que isto xera”, remarcou.
O proxecto conta cun orzamento global de case 4,3 millóns de euros. Destes, a Xunta achega 1,7 millóns a través de Augas de Galicia. A futura actuación nace do convenio asinado pola administración autonómica e o Concello de Ares en setembro do ano pasado. Así pois, permitirá resolver os problemas actuais de presión e subministración, especialmente críticos durante os meses de verán debido ao incremento da poboación.
Entre as actuacións previstas destaca a construción dun novo depósito de regulación con capacidade para 3.400m3. Asemade, a execución dunha liña de adución de 2.500 metros e outra de distribución de 1.600 metros. Estas infraestruturas conectarán co sistema actual, ao tempo que se renovan elementos esenciais como cámaras de control, sistemas de cloración e regulación de presión, co obxectivo de garantir unha subministración fiable e de calidade.

A previsión é que as obras, xa licitadas, poidan comezar no último trimestre de 2025. O presidente da Xunta destacou tamén que esta actuación forma parte dun esforzo máis amplo da Xunta para modernizar as infraestruturas hidráulicas en toda Galicia. “Temos case 110 millóns de euros para colaborar cos concellos en algo tan fundamental como é o seu ciclo da auga no seu sentido máis amplo”, destacou o presidente.
Finalmente, Rueda reafirmou o compromiso do Goberno galego de seguir colaborando cos concellos que teñan vontade de avanzar e mellorar os seus servizos públicos, ”construíndo conxuntamente unha Galicia que coide dos seus recursos e garanta o benestar dos galegos”.