O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, asinaron o convenio de colaboración para a experiencia piloto de Vilas vivas. Este proxecto, que inicia en Ribadavia, pretende a dinamización comercial da vila. Así, será a primeira experiencia e posteriormente estenderase a outras localidades galegas que contan con potencial turístico e unha produción local enraizada no territorio como motor económico.
A esta colaboración bianual, con vixencia ata decembro de 2026, o Executivo autonómico destina preto de 590.000 euros. O obxectivo, segundo sinalou o conselleiro, é iniciar as actuacións de dinamización comercial no último trimestre deste ano.
O convenio asinouse nun acto no que estivo presente o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Alí, o titular de Emprego, Comercio e Emigración destacou que con Vilas Vivas búscase potenciar contornas comerciais de vilas senlleiras. Así pois, darase unha nova vida a baixos en desuso para estimular a afluencia de visitantes. En Ribadavia está previsto reactivar máis dunha ducia de locais, ademais dos de titularidade municipal que formarán parte da iniciativa, como a igrexa da Magdalena, onde se asinou o convenio.
Apoiándose na capacidade tractora desta medida, apóstase por favorecer sinerxías entre o comercio, os recursos endóxenos, espazos como a praza de abastos e ferramentas como Artesanía de Galicia. O conselleiro puxo de relevo o “tremendo potencial” de Ribadavia para impulsar o comercio local, definindo Vilas Vivas coma unha plataforma para dialogar coa riqueza vitivinícola, patrimonial, cultural, gastronómica ou termal da vila e a súa contorna. Neste sentido, construirase unha “experiencia integral” para atraer visitantes, contando tamén coa capacidade mobilizadora da Alta Velocidade.
DETALLES DO CONVENIO ENTRE XUNTA E RIBADAVIA
Vilas vivas forma parte do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. O Concello de Ribadavia solicitou a súa adhesión no marco da aposta do municipio pola dinamización do comercio local. Con este acordo, testarase o impacto do proxecto.

Agora comeza a primeira fase da colaboración, na que o Concello se encargará da selección e posta a disposición dos locais que serán recuperados. Así, serán alugados, acondicionados e promovido o seu uso por parte de comerciantes e artesáns en rotación. Neste sentido, alugaranse os locais ás persoas propietarias por un mínimo de dous anos prorrogables, sumándose a eles outros espazos municipais.
O seguinte paso será a licitación e execución dos contratos para o acondicionamento destes baixos para o seu uso comercial. Tamén avanzará en actuacións complementarias dirixidas á dixitalización ou á integración do resto de comercios xa en funcionamento, favorecendo unha imaxe homoxénea.
Completadas estas accións, seleccionaranse aos participantes mediante concorrencia pública e criterios obxectivos, coa fin de garantir a rotación, diversidade e participación aberta dos comerciantes e obradoiros interesados. Tamén se executarán actuacións de decoración e sinalización das rúas.
A Xunta asesorará ao Concello de Ribadavia a través da Oficina Técnica de Vilas vivas, artellando ambas partes unha programación e un calendario de apertura e de dinamización comercial. Ademais, o Goberno autonómico apoiará accións formativas para o tecido comercial, así como os custos de persoal de apoio vencellado ás actividades de dinamización.
CANLE DE COMUNICACIÓN PARA SUXESTIÓNS
Coa finalidade de reforzar este espazo de colaboración e de potenciar estes recursos con Vilas Vivas, o conselleiro avanzou que a Xunta abrirá unha canle de comunicación vía email para que as persoas comerciantes, produtoras e artesás interesadas envíen as súas suxestións coa fin de sacar máximo aproveitamento da iniciativa.