PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Ferrol investirá case 89.000 euros en mellorar a accesibilidade de varias rúas de Caranza

PorBisbarra

Luns, 16 Decembro 2024 , ,
O alcalde de Ferrol avanzou os detalles do proxecto de accesibilidade tras a aprobación da xunta de Goberno local.O alcalde de Ferrol avanzou os detalles do proxecto de accesibilidade tras a aprobación da xunta de Goberno local.

A xunta de Goberno local de Ferrol aprobou hoxe o proxecto de accesibilidade no ámbito das rúas Sao Paulo, Padre Feijóo e Armada Española no barrio de Caranza. Segundo avanzou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, investirán case 89.000 euros nesta actuación.

O proxecto propón a mellora da accesibilidade aos bloques de vivendas en parte da unidade veciñal nº5, conformada por 418 vivendas no conxunto global. Así, a actuación propón actuar sobre o acceso que dá servizo a 140 vivendas, en concreto as que forman os bloques 20, 24, 25 e 27. “Habilitaranse itinerarios accesibles, actuarase parcialmente nos percorridos peonís existentes mediante ramplas e plataformas que permitan acceder aos portais e, así, eliminar as barreiras arquitectónicas”, adiantou o rexedor.

O proxecto busca resolver accesos que co tempo fóronse degradando debido a factores como a configuración e dobre percorrido en dúas beirarrúas a distinto nivel ou as deficiencias dos seus acabados. “Melloraremos a accesibilidade aos portais facilitando percorridos peonís accesible ou, polo menos, mellorar as súas condicións naqueles puntos onde non sexa posible alcanzar a accesibilidade universal, xa que estamos condicionados por unha contorna xa construída”, explicou Rey Varela.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PROPOSTAS PARA MELLORAR A ACCESIBILIDADE

Para dar unha resposta aos distintos problemas detectados para acceder aos portais, elevarase a beirarrúa ata a cota do portal. Isto supón xerar unha plataforma duns 16 centímetros na totalidade da súa fronte, xerando así unha superficie con radio de xiro para unha cadeira de rodas. No caso de ser preciso, levarase unha rampla ou dúas en función de se o portal é final de itinerario accesible ou portal de paso cara a outros portais. Así mesmo, instalaranse varandas nas ramplas que superen un desnivel de máis de 50 cm e proponse a colocación dunha varanda diante de cada portal.

Para mellorar as condicións de accesibilidade para persoas con discapacidade visual, colocaranse elementos podotáctiles para indicar o cambio de inclinación, no caso de ramplas, ou a existencia de banzos no percorrido. Para iso, dispoñerase nunha banda de polo menos 60 cm previos ao cambio de inclinación ou á aparición dun banzo de puntos podotáctiles, ben sexa mediante baldosas, puntos por fixación mecánica ou adhesivo de alta resistencia.

O proxecto recolle tamén a creación de prazas de aparcamento reservadas a persoas con mobilidade reducida. Neste senso, segundo o cociente de praza de aparcamento por vivenda, dá un total de 3,5 prazas. Non obstante, expuxéronse cinco prazas para que en cada aparcamento exista polo menos unha praza para persoas con mobilidade reducida.

O orzamento total da actuación é de 88.759,76 euros e os traballos terán un prazo de execución de tres meses.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.