PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O Pereiro de Aguiar é o quinto concello que máis poboación gaña na provincia de Ourense

O Pereiro de Aguiar lanza unha campaña de empadroamento para seguir ampliando a poboación.O Pereiro de Aguiar lanza unha campaña de empadroamento para seguir ampliando a poboación.

O Concello do Pereiro de Aguiar segue logrando aumentar a súa poboación. Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística, é o quinto concello da Provincia de Ourense con maior aumento de habitantes en 2024, só superado por Ourense, Verín, O Carballiño e Xinzo de Limia.

Neste sentido, en comparación con 2023, O Pereiro de Aguiar sumou 84 novos habitantes durante o vixente ano, chegando aos 6.731. Segundo o Goberno local, este ano “superamos os 6.800 habitantes e o obxectivo é chegar á cifra máxica dos 7.000”.

O alcalde pereirao, Luís Menor, celebra que nos derradeiros cinco anos o municipio sumou 500 novos veciños e veciñas, colocándose á “cabeza de crecemento dos concellos” e marcando unha tendencia moi positiva nos últimos tempos, pero “que se esta a acentuar nos últimos anos”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

CAMPAÑA DE EMPADROAMENTO PARA A POBOACIÓN

Non obstante, o rexedor admite que hai moita xente vivindo no municipio que aínda non está empadroada. Nesta liña, o Goberno local lanzou unha campaña para promover e facilitar o empadroamento.

En primeiro lugar, lembran que o proceso de empadroamento pódese facer dende a páxina web municipal ou de forma presencial, onde o persoal facilitará os trámites.

En segundo lugar, o Concello do Pereiro de Aguiar ofrece vantaxes para as persoas empadroadas, co obxectivo de fomentar este trámite. No tocante á oferta de actividades, as persoas empadroadas terán preferencia na inscrición á ximnasia de mantemento, risoterapia, memoria, e demais cursos. Así mesmo, esa preferencia aplica na educación para adultez, accións formativas e cursos do Celga. No tocante aos campamentos infantís e xuvenís e a oferta deportiva e de ocio para todas as idades, aplicarase unha redución de prezo para as persoas empadroadas.

Así mesmo, dende a administración local fan fincapé nas vantaxes económicas vencelladas ao empadroamento, como as relacionadas co apoio a familias, á natalidade, para a adquisición de material escolar ou material informático e axudas a familias numerosas. Asemade, ofrécese bono desconto para piscina municipal e climatizada do colexio Miraflores, prezos especiais nas escolas deportivas e unha redución do Imposto de Construcións e Obras.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.