A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou a modificación de catro proxectos de aglomerados en camiños do rural. Estes suman en total máis de 331.000 euros de investimento a través do POS+ 2025. Todos os proxectos definen as obras necesarias para a realización do pavimentado nos camiños obxecto da intervención, actualmente en mal estado.
Os traballos previos nos camiños consistirán na limpeza das zonas de encontro e de toda a zona a pavimentar, o fresado do pavimento existente nas zonas de encontro e onde sexa necesario para garantir o acceso ás distintas propiedades que delimitan o camiño e a reparación de fochancas.
ACTUACIÓNS NOS CAMIÑOS
O maior investimento realizarase no aglomerado de tramo da estrada San Cristobo-Cariño-Confurco, cun importe de 137.925,63 euros. A actuación afecta a unha superficie de 5.400 metros cadrados. Así pois, realizarase o recheo, a regularización das pendentes transversais e o saneamento do firme mediante pavimento asfáltico.
O segundo proxecto con maior investimento será o aglomerado de tramos no camiño das Cruces, camiño do Carril e camiño da Camposa, na parroquia de Brión. Neste caso, conta cun orzamento de 73.603,14 euros e actuarase dunha lonxitude de 750 metros.
Actualmente os camiños están formados por un pavimento de MBC, cunha importante deterioración polo paso do tempo e as condicións meteorolóxicas, con multitude de ondulacións, fochancas e zonas con fisuras. A maiores, prevese executar tarefas de conservación para mellorar o pintado e a seguridade viaria.
No tocante ao aglomerado de tramo do camiño de Vilaboide-Monte do Coto, investiranse 70.139,13 euros. Esta actuación afectará a unha superficie de 2.084 metros cadrados.
Na estrada da Carreira a Cha, actuarase nunha superficie de 1.829 metros cadrados e contará cun orzamento de 49.425,52 euro. Trátase dun camiño transitado principalmente por vehículos lixeiros, polo que a súa reparación resulta prioritaria pola importancia social e económica do seu uso.
Actualmente a vía presenta un evidente estado de deterioro na súa capa de rodaxe, con fochancas de considerable profundidade. Así, o deterioro supón un perigo para a circulación rodada e peonil. Neste sentido, evitar posibles accidentes, danos a vehículos ou caídas de persoas xustifica a reparación.
O prazo de execución será dun mes, a excepción do aglomerado de tramos no camiño das Cruces, camiño do Carril e camiño da Camposa, que será de tres meses.



