PUBLICIDADE

Ferrol presenta o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible

PorBisbarra

Mércores, 26 Febreiro 2025 , ,
O Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ferrol sentará as bases dunha cidade máis sostible, accesible e que coide do entorno.O Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ferrol sentará as bases dunha cidade máis sostible, accesible e que coide do entorno.

A concelleira de Seguridade e Mobilidade, Pamen Pieltain, presentou esta mañá na comisión da área o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ferrol (PMUS). Este documento é fundamental para sentar as bases dun Ferrol “máis sostible, máis accesible e que coide e protexa ao entorno”.

“Co PMUS queremos garantir un equilibrio entre as necesidades da mobilidade e a accesibilidade, para protexer a nosa contorna e, ao mesmo tempo, impulsar o desenvolvemento económico e favorecer a inclusión social”, avanzou a concelleira.

O 22 de maio de 2021 entrou en vixencia a Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética. “Esta lei establece a obrigación a todos os municipios de máis de 50.000 habitantes a adoptar plans de mobilidade urbana sostible que introduzan medidas de mitigación que permitan reducir as emisións derivadas da mobilidade”, afirmou a concelleira. Entre outras medidas, débese incluír unha Zona de Baixas Emisións (ZBE) urbanas como medida esencial para a mellora da calidade do aire e, en consecuencia, para conseguir un ambiente máis saudable para a cidadanía. Así, a creación destas zonas será a seguinte acción que se leve a cabo.

PUBLICIDADE

Na actualidade, Ferrol dispón de diversos instrumentos que permiten establecer e definir as bases viarias e de mobilidade do municipio, como o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou a Axenda 2030, primeiro plan estratéxico de Ferrol, que dá resposta aos desafíos actuais e ás necesidades dunha cidade comprometida cun entorno máis humano. “O PMUS que presentamos combina as actuacións contidas en plans anteriores e as melloras realizadas polo Concello, coas necesidades actuais e futuras, de maneira que se garanta a coherencia e funcionalidade das propostas a medio e longo prazo”, desvelou a edil.

PROPOSTAS DO PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE 2025

En canto á mobilidade a pé, avógase por unha humanización do entorno, permitindo que vehículos motorizados e non motorizados poidan compartir espazo sen necesidade de prohibir a circulación aos vehículos privados. Desta forma, foméntase o comercio da zona e, polo tanto, a economía local. Ademais, contemplase a creación de sendas verdes, como itinerarios peonís humanizados, accesibles e rodeados de vexetación. A estas sumaranse as sendas azuis, para poñer en valor o mar; e os carrís bici, que unirán todos os barrios da cidade.

En canto ao servizo de transporte público, Ferrol ten na actualidade oito liñas urbanas e 17 interurbanas. Estas 25 rutas conectan diferentes partes da cidade co mesmo municipio e con outros concellos. As propostas deste ámbito incluídas en documentos anteriores baseábanse nun escenario de mobilidade diferente ao actual. Naquel momento, expúxose un modelo de rede adaptado á reorganización do tráfico mediante supermazás, coa idea de afastar o inicio das rutas do transporte público do centro urbano.

Coa futura implantación da Zona de Baixas Emisións, este enfoque perdeu sentido, xa que agora búscase potenciar o acceso ao centro en transporte público como alternativa ao vehículo privado. Así pois, elaborarase un plan de mellora das paradas para garantir a accesibilidade universal, seguridade e confort. Así mesmo, fomentaranse os plans de transporte ao traballo e buscarase consolidar o taxi como unha alternativa eficiente dentro do sistema de mobilidade urbana.

Reactivarase a zona azul para mellorar a rotación do estacionamento nas áreas comerciais e de maior mobilidade. Asemade, incrementaranse os puntos de recarga de vehículos eléctricos e fomentaranse os camiños escolares seguros.

O PMUS analiza tamén a proposta de incorporar aparcadoiros disuasorios nos barrios da Magdalena-Ferrol Vello, Esteiro, Caranza, Ultramar, Ensanche, A Graña, San Pablo e San Xoán.

APOSTA POLA MOBILIDADE SOSTIBLE

A través destas medidas, o Concello de Ferrol pretende potenciar a mobilidade activa dentro do centro urbano e cara aos núcleos poboacionais máis próximos. Así, preténdese fomentar os desprazamentos a pé, en bicicleta e o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado.

Con estas medidas, fomentaranse melloras no núcleo urbano que determinen un incremento da actividade social e económica do municipio. Tamén se establecerá unha xerarquía viaria que permita garantir a seguridade tanto dos peóns como dos condutores e definirase a zonificación e características da ZBE en función da realidade ambiental e do sistema de mobilidade da cidade.

“O PMUS é un documento vivo, aberto a novas propostas e melloras en beneficio dos nosos veciños e para ter unha cidade máis sostible”, finalizou a concelleira de Mobilidade e Seguridade.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.