PUBLICIDADE

“Galicia é a única comunidade autónoma onde o acceso ao ensino é de balde dende a escola infantil ata a universidade”

PorBisbarra

Martes, 16 Decembro 2025 , , , ,
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia

Naceu en O Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, é máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, ademais de participar en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu máster e cursos de posgraduado vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades. Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no ámbito da investigación.

PUBLICIDADE

En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía. Nas eleccións de 2009 obtivo acta como deputado autonómico para ser designado posteriormente vicevocero do Grupo Popular e portavoz nos ámbitos de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio. Desde febreiro do 2015 ven desempeñando distintas responsabilidades no goberno galego en diversas áreas. Actualmente é o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP

  1. Cal é a realidade que vive hoxe Galicia coa formación na FP Dual? Cal é a taxa de empregabilidade?

O modelo de éxito da FP galega é un referente estatal, froito da aposta da Xunta por estas ensinanzas desde 2009, adiantándose ao conxunto de España na posta en valor dos ciclos formativos e dando oportunidades á xente moza e a persoas non tan mozas que atopan na FP unha segunda oportunidade. De feito, moitas das iniciativas que se están a implantar agora na FP en toda España levan anos funcionando en Galicia.

A FP galega é hoxe sinónimo de prestixio, utilidade e confianza para os estudantes e para as empresas. Isto non o dicimos nós, senón que vén avalado por datos sólidos. Por exemplo, son cada vez máis as persoas que escollen a FP para formarse. Neste curso académico acadamos un novo récord, con 71.229 persoas matriculadas.

Hoxe hai máis do dobre de persoas matriculadas na FP ca no curso 2008/09, o que reflicte que hai unha gran confianza na calidade destas ensinanzas. E iso é, á súa vez, o resultado dunhas políticas educativas de impulso ás mesmas.

Tamén estamos a atopar unha gran acollida entre as empresas. A inserción laboral laboral da FP é do 85%, de case o 100% na modalidade de FP Dual Intensiva, que pon aínda máis o acento na formación práctica e que conta co apoio dun milleiro de empresas. De novo podemos apuntar a un paso de xigante respecto de 2009, cando a inserción laboral dos ciclos formativos era do 32%.

  • Cales foron os maiores logros conseguidos neste curso académico?

É cedo para facer balance, pero no ámbito da FP cómpre destacar que o Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, situado en Ourense, rexistrou a súa primeira patente. Conseguiuno co proxecto Netclean, un sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais desenvolvido por alumnado e docentes do Centro Integrado Valentín Paz Andrade de Vigo. Hai que celebrar, ademais, que este proxecto se creou ao abeiro de InnovaTech FP, que é un certame da Consellería para dar resposta ao retos tecnolóxicos presentados por empresas galegas, neste caso por Viaqua.

No eido do ensino dixital, estamos avanzando a moi bo rimo para facer realidade o que quizais é o noso proxecto máis ambicioso, EdugalIA, que conta co aval de reputados expertos nos eidos da pedagoxía, a innovación e a computación aplicadas ás contornas escolares. De feito, é a iniciativa de desenvolvemento tecnolóxico de IA máis importante de España, ao acadar 10M€ de financiamento a través do proceso de Compra Pública Innovadora.

Trátase dun proxecto de intelixencia artificial aplicada á xestión educativa co que crearemos un expediente dixital único do alumno. A xestión e análise integrada de datos permitiranos prever e identificar situacións de risco de abandono escolar e, deste xeito, abordalas e impulsar o éxito académico. Tamén vai incluír unha plataforma única de acceso á información por parte de alumnos e familias e de interacción cos equipos docentes.

Neste mesmo ámbito da dixitalización estamos a dar pasos decisivos para a súa regulación, coa que será a primeira lei de educación dixital. Este texto normativo que estamos ultimando recollerá os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros, docentes, alumnos e familias- ante os novos retos de transformación social que inciden no ensino.

Así mesmo, afondará na consolidación do modelo galego de ensino híbrido,  onde as ferramentas tradicionais se complementan coas novas tecnoloxías co fin de garantir a mellor formación do alumnado. Para isto é necesario dotalo de competencias dixitais para poder desenvolverse dun xeito responsable, seguro, crítico e competitivo.

E tamén se fará especial fincapé en aspectos como o benestar dixital, a privacidade e a protección de datos, o dereito á identidade dixital e á intimidade e a accesibilidade universal.

O conselleiro Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez
  • Cal é a prioridade á hora de ofrecer unha educación dixital?

A dixitalización está presente en todos os ámbitos da vida e a educación non pode estar de costas a esta realidade. Agora ben, ten que abordarse, e así o estamos a facer, poñendo o acento na formación para previr riscos e aproveitar todas as oportunidades que a tecnoloxía ofrece, tanto para alumnos como para profesores. Por iso garantimos, tal e como xa sinalei, un modelo híbrido, no que o alumno combina as novas tecnoloxías co lapis e o papel.

Como digo, en Galicia estamos a traballar nunha lei de educación dixital, pioneira a nivel estatal e europeo, para regular o uso das tecnoloxías no ensino e os dereitos e deberes da comunidade educativa neste eido.

Tamén estamos a facer fincapé na formación das familias neste ámbito. De feito acabamos de organizar unha xornadas para familias sobre estes temas e temos en marcha un programa de obradoiros. En ambos casos, esgotáronse as prazas, polo que se pode afirmar que hai moito interese neste asunto.

  • Anunciouse a gratuidade da matrícula para estudantes da Universidade, hai que cumprir certos requisitos para poder gozar desta avantaxe?

Galicia é a única comunidade autónoma onde o acceso ao ensino é de balde desde a escola infantil ata obter un título de FP ou universitario.

A matrícula universitaria é gratuíta sempre e cando os estudantes teñan aprobados unha porcentaxe de créditos e realizaran a PAU en Galicia. Esta medida xa beneficiou a máis de 28.000 alumnos nos dous anos que leva en vigor e súmase á conxelación das taxas desde hai 14 anos.

  • Que alternativas ofrecen no seu eido para formar as persoas estranxeiras que chegan a Galicia?

Galicia é unha das comunidades con menor porcentaxe de alumnado estranxeiro de España. Estamos a falar de aproximadamente o 7,5% do alumnado, fronte a máis dun 12% a nivel estatal.

Aínda así, queremos adiantarnos e estar preparados dado que vai en aumento e, por iso, o pasado curso puxemos en marcha, dentro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, o Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro.

Recolle toda as medidas a disposición dos alumnos que chegan do estranxeiro e inclúe distintas novidades como a posta en marcha dun proxecto específico de inclusión para estes estudantes nos centros educativos. Ademais, faise especial énfase na adquisición das linguas coa creación de grupos para isto, ademais da adaptación curricular.

A nivel práctico, é o Departamento de Orientación o que fai a avaliación inicial do alumno e propón as medidas educativas máis axeitadas. Ademais, establécese unha persoa de referencia no centro para o acompañamento destes alumnos.

No caso dos alumnos que estudan FP, ensinanzas artísticas e deportivas facemos moito fincapé na orientación e na mentoría, fundamentais para evitar o abandono educativo, a través do novo Plan FPGal360. A FP está a ser moi útil para esas persoas que chegan do estranxeiro.

  • Cales son as accións que se poñen en marcha para que as persoas que se forman na nosa Comunidade queden a traballar en Galicia?

A nosa prioridade é formar persoas, poñer á disposición da cidadanía unha ampla oferta educativa do máximo nivel para que acaden unha boa cualificación que lles sexa útil aló onde decidan desenvolver a súa vida. A inmensa maioría decide facelo en Galicia.

Os datos de inserción laboral da FP son moi positivos, incluso de pleno emprego nalgunhas modalidades. E o 92,6% dos titulados en FP elixen traballar en Galicia.

No caso dos titulados universitarios, segundo os últimos datos dispoñibles a inserción laboral do alumnado galego supera roza o 91%. A maioría deles, case o 75% traballa en Galicia.

O conselleiro de Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
  • Que medidas do seu programa electoral aínda quedan por cumprir e serán unha realidade nos vindeiros meses?

Penso que podemos facer un bo balance, dado que o 85% das medidas comprometidas no programa electoral cumpríronse ou están en marcha.

Entre o máis destacado, temos en marcha o desenvolvemento dun acordo de mellora do sistema educativo, un acordo histórico que asinamos cos sindicatos do ensino en 2023 e cun cronograma que nos permite ir introducindo novos fitos cursos a curso.

Trátase de redución de rateos nas aulas, melloras salariais para os docentes e, nun plan paralelo, redución da burocracia nos centros de ensino, para que os profesores poidan centrarse aínda máis na atención do alumnado. Nos próximos meses seguiremos avanzando no cumprimento destas medidas.

  • Que balance fai do seu traballo neste 2025?

Unha satisfacción moderada. Penso que non fixemos un mal traballo, pero sempre se pode mellorar e poremos todo o empeño para seguir avanzando.

  • Que lle pide ao 2026?

Ao novo ano só podo pedirlle saúde para poder seguir traballando a prol de Galicia e para poder seguir desfrutando dos meus.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.