Dende Greenfiber din lamentar que “unha parte da sociedade siga tendo unha percepción negativa do proxecto que deseñamos para Palas de Rei »
Onte as rúas de Compostela volveron acoller unha manifestación convocada pola Plataforma Ulloa Viva (PUV), a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino.
Foi a segunda manifestación nacional convocada contra Altri en Santiago. Na cabeceira desta marcha as voceiras das tres plataformas demandaron, en declaracións aos medios de comunicación, o “peche definitivo” por parte da Xunta de Galicia da tramitación dos seus 2 “proxectos estratéxicos”, Altri e a reapertura da Mina de Touro-O Pino. A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá destacou en declaracións aos medios que “volvemos a Santiago coa mesma determinación e co mesmo obxectivo que o fixemos o ano pasado: que Altri non se instale na nosa terra”.

“LAMENTAMOS QUE UNHA GRAN PARTE DA SOCIEDADE TEÑA UNHA PERCEPCIÓN NEGATIVA DO PROXECTO” DIN DENDE GREENFIBER
« Lamentamos que unha parte da sociedade siga tendo unha percepción negativa do proxecto que deseñamos para Palas de Rei. Un proxecto que, precisamente, acaba de recibir o selo STEP outorgado pola Comisión Europea, un recoñecemento reservado a aquelas iniciativas industriais que contribúen de forma destacada aos obxectivos estratéxicos da Unión Europea en materia industrial, tecnolóxica e ambiental », apuntan dende Greenfiber.
Engaden que « a Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA) valorou positivamente todos os aspectos analizados do proxecto GAMA, destacando como sobresaliente a súa capacidade de evitar emisións de gases de efecto invernadoiro e cualificando como notables o seu grao de innovación, madurez e eficiencia de custos. Un feito que vén referendar o que dixemos sempre: que GAMA é un proxecto serio, rigoroso, sostible e innovador que, ademais de dar resposta á necesidade do sector téxtil de obter fibras 100% biodegradables, contribuirá a poñer en valor o monte galego ».



