O acendido do alumado de Nadal na Praza Isaac Díaz Pardo do Concello de Oroso, o pasado 6 de decembro, deu o pistoletazo de saída ás festas de Nadal. A pesar da chuvia, a praza conseguiu reunir á veciñanza nun momento simbólico que marcou o comezo oficial destas festas, a despedida do ano 2025 e a benvida ao 2026.
Con motivo deste acendido das luces, o Concello animou a toda a cidadanía a desfrutar destas festas cunha programación ampla e pensada para todas as idades que inclúe actividades culturais, lúdicas e sociais, co obxectivo de favorecer a convivencia e crear espazos de lecer compartido.
Ao mesmo tempo, o alcalde Álex Doval fixo un chamamento a apoiar ao comercio local, que desempeña un papel esencial na dinamización económica do concello e “contribúe de maneira decisiva a dar vida e identidade ás nosas rúas”.




