Xaime Cortizo presentou en Vide, Vide! a primeira añada de Xialma, a súa incursión no mundo da vinicultura, xunto coa exposición fotográfica Viaxe interior de Pedra, Auga e Viño que afonda na súa elaboración
O fotógrafo compostelán Xaime Cortizo vén de ampliar a súa faceta creativa introducíndose no mundo da vinicultura e presentado o seu primeiro viño, Xialma. Unha produción limitada de 1.560 botellas dun viño feito na Ribeira Sacra, plurivarietal con mencía, garnacha tintoreta e unha aportación de godello e treixadura, envellecido nove meses en barrica, como explicou durante a presentación na tenda especializada e espazo cultural, Vide, Vide!, en Santiago.
Durante o acto, tamén se inaugurou a exposición fotográfica Viaxe interior de Pedra, Auga e Viño, instantáneas do propio Xaime Cortizo nas que mestura imaxes de Compostela e da Ribeira Sacra a través das cales afonda no proceso de produción do viño dende o seu punto de vista persoal, conectando Santiago, “a miña fonte de inspiración constante e unha cidade máxica”, e as viñas que mercou o santiagués, a só dez quilómetros do río Miño, nas que tras tres anos de moito traballo agromou Xialma.
Cortizo explicou durante a presentación que “o “X” vén de Xaime, e a “alma” do xeito que tento facer todo, con moita ilusión e gozando; mais do nome tamén forman parte a miña nai e a miña filla, Julia e Rosalía”, explicou nun acto no que os asistentes puideron maridar o viño con produtos locais elaborados por Chichalovers e Galletas Daveiga.
Con Xialma “buscamos máis a calidade que a cantidade, trátase dun viño suave, fácil de beber mais con alma. E intentamos condensar a paisaxe da Ribeira Sacra e da cidade de Compostela dentro de cada botella”, explicou Cortizo sobre a elaboración dun viño que supuxo para el “unha experiencia incrible que me permitiu activar a conexión entre as miñas orixes familiares e a miña sensibilidade artística”.
Os asistentes tamén coñeceron polo miúdo, durante a cata-maridaxe, os aspectos máis técnicos na elaboración de Xialma, da man do enólogo do proxecto Roberto Regal. Xaime Cortizo explicou que a súa incursión no mundo do viño de autor é algo que lle viña de lonxe “teño sangue rioxana, a miña nai é de Haro, así que sempre tiven ese gusanillo”, dixo antes de facer un brindis con todos os presentes.




