Os Fojeteiros, Moto Club naronés, volverán vestir de Papá Noel e percorrerán as rúas do concello cas súas motos na celebración da décimo quinta edición da Xornada Moteira Solidaria, que organizan en colaboración co Concello. Será o vindeiro día 20 de decembro na Praza da Igualdade, na Gándara, que se converterá no punto de encontro deste evento solidario.
A programación da xornada do Moto Club Fojeteiros inclúe a tradicional ruta moteira, que partirá da
praza ás 16:30 horas para percorrer diversas rúas do municipio, percorrendo tamén as zonas rurais. O regreso está previsto ás 17:15 horas, momento no que as motos chegarán de volta á Praza da Igualdade para compartir coa veciñanza un ambiente festivo e propio destas datas.
O obxectivo central da XV Xornada Moteira Solidaria é a recolleita de roupa, xoguetes e alimentos non perecedeiros que se destinarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. As doazóns poderán entregarse ao longo da tarde na propia praza, así como nos establecementos colaboradores identificados como “Punto de recollida”.
A organización anima a contribuír para que ningunha familia de Narón quede atrás este Nadal. Cada doazón, por pequena que sexa, pode marcar a diferenza nunha celebración na que a solidariedade volve ser o motor máis poderoso.



