Hoxe saíu a licitación a contratación das obras de execución dunha ampliación no refuxio de animais de Mougá. Cun importe de 106.834,07 euros, crearase un novo edificio destinado a gateiras e outras melloras nas instalacións.
O proxecto contempla a construción dunha nova edificación composta de 55,57 metros cadrados con tres módulos. Ademais, levarase a cabo o acondicionamento dun patio exterior para o esparexemento dos animais. Así mesmo, realizaranse melloras en distintos puntos das instalacións, como cerramentos, compartimentos ou melloras do sistema de desaugue. O obxectivo da intervención e mellorar o benestar animal.
Este investimento súmase a outras obras xa realizadas e previstas nestas instalacións mancomunadas. Estas actuacións progresivas son o compromiso a longo prazo que veñen demostrando os nove concellos que forman esta entidade supramunicipal. As empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 11 de xuño para presentar as súas ofertas.