A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron o Concello de Beariz. Alí, comprobaron de primeira man algúns proxectos que se levan a cabo nesta localidade para impulsar e dinamizar a súa contorna.
As autoridades realizaron un percorrido pola vila acompañados polo alcalde do municipio, Manuel Prado. Así pois, os representantes autonómicos visitaron a Botica de Doade, que actualmente actúa como un espazo divulgativo sobre a historia sanitaria da bisbarra. A continuación, a comitiva trasladouse á aldea singular de Alvite, un espazo rehabilitado e que está a actuar como referente turístico da zona. Paz Rodríguez amosou o seu interese por estas iniciativas e valorou a súa contribución á animación e ao impulso económico do municipio.