O orzamento da Deputación da Coruña continúa a senda constante de crecemento dos últimos anos. En 2025 ascenderá a 240.500.200 € e será o maior o da historia da institución provincial, cun incremento de 18 millóns (+ 8,26%) con respecto ao presente exercicio.
O orzamento contempla un investimento récord nos municipios da provincia, xa que un total de 105.399.793 euros (o 44% do total) serán transferencias directas aos concellos a través do Plan Único, o maior plan de cooperación municipal das deputacións galegas, que incrementa o seu orzamento de 50 a 86 millóns de euros de dotación inicial (+72%), e o anticipo das convocatorias de subvencións dirixidas aos concellos coruñeses, que suman 19,4 millóns de euros e suporán a creación de 1.600 empregos directos para mellorar os servizos que prestan os municipios.
Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, nunha rolda de prensa na que comparaceu xunto ao vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, e o deputado de Ecomomía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, para presentar o proxecto de Orzamentos da institución provincial para o vindeiro ano.
Unhas contas que, segundo explicou Formoso, serán sometidas á aprobación do pleno o vindeiro 22 de novembro e van dirixidas a seguir cumprindo cos obxectivos estratéxicos do goberno municipal para este mandato: o apoio aos concellos da provincia para a mellora de servizos e infraestruturas municipais, o benestar social, a creación de emprego e apoio aos sectores produtivos e a loita contra o despoboamento no rural.
PLAN ÚNICO
O Plan Único (POS+2025) será o principal protagonista do orzamento, con 86 millóns de euros destinados integramente aos concellos, un 72% máis que en 2024. Os concellos coruñeses reciben hoxe entre 4 e 5 veces máis fondos que nos mandatos anteriores e teñen absoluta liberdade para decidir sobre o destino destes investimentos.
O presidente destacou que eses 105 millóns de euros de investimento directo nos municipios “levan nomes e apelidos”. “Cando falamos de financiación local, falamos de escolas infantís, de mellora de rúas e espazos públicos ou de máis de 400.000 horas de servizo de axuda no fogar para os maiores”, afirmou.
APOSTA SOCIAL EN 2025
O benestar social será outra das áreas prioritarias da Deputación da Coruña en 2025. Por este motivo, no Orzamento de 2025 o gasto social alcanzará os 33.652.287 euros, máis do 14% total. Unha parte importante deste incremento orzamentario irá destinado á suba da achega para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que a Deputación elevou de 12 a 14 euros a hora, atendendo así unha das demandas das traballadoras do servizo e dos concellos que, a pesar de que os servizos sociais son competencia autonómica, teñen que asumir boa parte dos custes deste servizo con fondos propios, o que lles supón unha importante carga económica, xa que o custe actual está entre os 22 e os 24 euros/hora.
Como novidades para este ano na área social destacan o inicio do proxecto para a implantación dun novo modelo de residencias públicas para maiores no rural, baseadas na cercanía, a atención persoalizada, a innovación e a convivencia interxeneracional, que contará con centros piloto nas Pontes, Ordes e Rianxo e un novo programa de envellecemento e loita contra a soidade non desexada dos maiores destinada a concellos de menos de 5.000 habitantes.
No ámbito social destacan tamén as partidas para Teleasistencia (1.372.000 euros, +5,5%) e para o mantemento do Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña (5.507.420 euros) e Centro de Día de Menores de Ferrol (2.736.467 €), centros que a Deputación segue mantendo pese a que tutela de menores é competencia autonómica.
CREACIÓN DE EMPREGO CO PEL
A terceira gran área dos Orzamentos 2025 é a destinada á creación de emprego e o apoio aos sectores produtivos, nos que se investirán 30,2 millóns de euros, arredor dun 12,5 % do total.
O Plan de Emprego Local (PEL) será un dos grandes protagonistas neste ámbito, cun orzamento que pasa dos 15.9 a 16,2 millóns de euros (+1,8%).
Formoso lembrou que, entre 2016 e 2024, a Deputación da Coruña destinou máis de 140 millóns de euros á creación de empresas e fomento do emprego, apoiado a 2.980 empresas e 4.159 autónomos e creando 7.196 empregos nos sectores público e privado a través das principais liñas do PEL.
IMPULSO DO AUDIOVISUAL GALEGO
No o vindeiro 2025 comezará a funcionar Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, dotado cunha tecnoloxía pioneira a nivel mundial.
Unha infraestrutura que a Deputación da Coruña está construíndo actualmente na cidade das TIC da Coruña cun investimento de 9,5 millóns de euros cofinanciado con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e co que “pretendemos posicionar á provincia da Coruña no Hub Audiovisual de Europa”, apuntou Formoso, que incidiu na puxanza do sector audiovisual galego, que xera 4.500 empregos e supón xa o 28% da industria cultural da nosa comunidade, ademáis de supor unha importante proxección exterior de Galicia.
CARTOS PARA CULTURA E LINGUA
A Deputación destina o vindeiro ano 13.042.900 ás áreas de Cultura (+4,8%) e Lingua (+3%). Un dos principais programas, con máis de 2 millóns de euros de orzamento, volve ser a Rede Cultural, que levará actuacións culturais aos 93 concellos da provincia.
Ademáis, contémplanse liñas de subvencións para investimentos e actividades de centos de entidades culturais da provincia e apoio económico aos principais festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas.
Educación suma tamén un importante capítulo de investimentos co mantemento de centros como o IES Rosalía Mera (3.680.402) ou o IES Puga Ramón (4.608.816 €).
25 MILLÓNS PARA AS ESTRADAS
A área de Vías e Obras conta cun orzamento de 24.782.955 euros para obras e melloras nos 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. Neste ámbito destacan o Plan de Conservación (13.108.000 euros), o Plan de Sendas (1.925.000 euros) e o Plan de Investimentos en Vías Provinciais (2.615.200 €). Tamén se reservan 1,5 millóns de euros para o plan de transferencias de estradas.