O presidente do Partido Popular de Ourense, Luís Menor, defendeu o papel do PP como garante de “gobernos de estabilidade que abren novos camiños para o futuro da provincia”. Na sede dos populares do Carballiño, onde se celebrou un comité comarcal aberto á militancia, Menor afirmou que o único modelo para seguir sendo a referencia política da provincia pasa por “ser un partido forte e unido, capaz de conseguir o apoio maioritario da cidadanía, como demostramos cando nos chamaron ás urnas nas autonómicas e nas europeas”.
O presidente provincial lamentou que “outros partidos dedican o seu tempo a conspirar para desartellar o Goberno provincial”. En contraposición, o PP “dedícase a resolver os problemas dos cidadáns” na provincia e na capital, como por exemplo ultimando os orzamentos da Deputación para 2025.
Nesta liña, o presidente provincial sentenciou que “Ourense non merece política partidaria, que só fai troula e enreda con farsas”. No tocante á Deputación ourensá, defendeu que ofrece “un goberno organizado e unha xestión seria, rigorosa e mesmo innovadora”.
Menor abundou en que o principal obxectivo do Partido Popular de Ourense é proporcionar a estabilidade necesaria para a gobernabilidade. A maiores, asegurou que pretende atraer o maior investimento posible dende todas as institucións. Neste senso, refereriuse ao pacto de goberno alcanzando no Carballiño entre o PSOE e o PP locais. Xa que logo, agradeceu o traballo do grupo municipal do Carballiño, que demostra o modelo comprometido de xestión do Partido Popular, “con traballo, rigorosidade, coherencia e responsabilidade logo do pacto co PSOE”.
Ademais de repasar a situación da comarca e escoitar aos representantes locais do partido, na reunión do comité comarcal participou o parlamentario autonómico Argimiro Marnotes. Tras un repaso polos principais investimentos na comarca do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, destacou o impulso á nova área empresarial do Carballiño-Maside. Segundo avanzou, transformará este espazo no segundo parque empresarial máis importante da provincia, fomentando a xeración de emprego.