O voceiro do Partido Popular na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, tachou hoxe de “insatisfactorias” as explicacións ofrecidas esta mañá por parte da deputada socialista responsable de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, sobre o procedemento para aprobar o Plan Estratéxico de Subvencións do ano 2025.
O voceiro popular, que cualificou de “indignidade democrática” o feito de que o presidente provincial, Valentín González Formoso, dese a a “espantada” ao non acudir a pleno extraordinario celebrado esta mañá. Ben empezou a súa intervención insistindo en que o documento que rexe a aprobación das subvencións provinciais é “de enorme transcendencia para tramitalo de maneira precipitada, sen debate nin participación pública nin transparencia, con lagoas graves como a falta de avaliación do plan anterior ou a escasa fiscalización ou a ausencia dun informe preceptivo e vinculante”, explicou.
Ben insistiu en que a documentación presentada para a aprobación do plan non se explica o porqué da tramitación precipitada e a falta debate e de participación pública. “Non se explica a falta dunha imprescindible avaliación do plan anterior; non se xustifica a ausencia ou limitación dos informes; ou particularmente non se motiva (se houbese razóns de legalidade para facelo) por que seguiuse adiante coa tramitación plenaria con plena conciencia de que faltaba un informe preceptivo e vinculante”, afirmou.
“De verdade parécelles xustificable ou de escasa importancia non someter o plan anterior a un proceso de avaliación a fin de definir nos mellores termos de eficiencia e de equidade o novo marco subvencional ou de fomento. E se foi así, o que non entendemos e que non teñamos as conclusións”, preguntou Ben.
“Non estamos en contra da posta en marcha dun plan de subvencións, o que pretendemos é asegurar a adecuación á legalidade das nosas subvencións, sen poñer en risco as mesmas”, concluíu Ben.