A Xunta reestrutura o servizo de autobús de interese municipal de Teo cunha nova liña que facilita nove enlaces ao día nos Tilos co transporte urbano de Santiago, segundo anunciou hoxe o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Nunha visita ao concello teense, xunto á alcaldesa Lucía Calvo de la Uz, anunciou que a liña lanzadeira comeza a funcionar o próximo luns, día 18, co percorrido Ramallosa (xulgado)-Rúa do Carballo-Ramallosa (xulgado) e con paradas en Cacheiras (centro médico, farmacia e Canaletto) e Montouto (Día e Eroski).
Segundo explicou o conselleiro, ofrécense así nove servizos ao día de luns a venres laborables. O primeiro sairá ás 06,45 horas da Ramallosa e outros oito serán pola tarde, das 16,20 ata as 21,00 horas cunha frecuencia de 40 minutos. Coa expedición da primeira hora da mañá amplíase o horario do servizo de interese municipal de Teo, que comezaba ás 07,20 horas, e permite aos usuarios coller os primeiros autobuses das liñas 6 e 12 do transporte urbano de Santiago, que saen dos Tilos ás 07,00 horas e ás 07,15 horas.
Na parada da rúa do Carballo, nos Tilos, os enlaces configuráronse cunha marxe de seis minutos entre a chegada do servizo interurbano e a saída da liña 6 do autobús urbano de Santiago, excepto no servizo das 06,45 horas, para o cal a conexión se realizará nun minuto.
Durante a mañá, desde as 07,20 horas, e ata as 15,20 horas da tarde, mantéñense os servizos da liña circular Ramallosa (Xulgado)-Ramallosa (Xulgado), que saen cada hora da Ramallosa.
IMPULSO AO TRANSPORTE PÚBLICO
Diego Calvo salientou que con estas melloras aprobadas no servizo aténdese a solicitude trasladada polo Concello Teo de conectar algúns dos servizos de interese municipal, a través de lanzadeiras, coas liñas 6 e 12 do autobús urbano de Santiago. “Trátase así de facilitar os desprazamentos entre Teo e Santiago, mellorando a accesibilidade para a cidadanía e favorecendo unha maior utilización do transporte público, ao conectar ambos os sistemas”, engadiu.
A iniciativa enmárcase na escoita constante da Xunta aos concellos para dar resposta ás necesidades de mobilidade da veciñanza ao tempo que se impulsa a sostibilidade. Ademais, o conselleiro lembrou que as persoas usuarias da nova liña municipal de autobús disporán do transbordo gratuíto ás liñas 6 e 12 do transporte urbano de Santiago facendo uso da Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG), e, ademais, poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes desta tarxeta, con bonificacións adicionais que na actualidade chegan ao 50%. Pola súa banda, os menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, ao igual que todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG.
A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.