O Concello de Mugardos anunciou a inevitable talla da palmeira situada no cruce entre a avenida de Galicia e a rúa Praza do Mercado. A decisión xustifícase polos danos sufridos pola invasión do picudo vermello.
A pesar dos múltiples tratamentos levados a cabo, na última inspección visual observouse un deterioro moi elevado da estrutura do exemplar. As súas follas superiores inclínanse cara ao chan e presentan tons de cor amarelo e marrón, o que denota un proceso de secado e deterioro en curso.
Debido a isto, e por motivos de seguridade, dada a ameaza que representa a palmeira afectada e a gravidade do seu estado, o informe da empresa conclúe que non queda outra saída que cortar o exemplar. Dita talla levarase a cabo na mañá do vindeiro mércores, 5 de novembro, a partir das 9:00 horas. Para levar a cabo esta operación, será preciso cortar un carril -en sentido descendente- na Avenida de Galicia, dende o cruce da rúa Castelao ata a subida a Peteiro. O tráfico estará regulado pola Policía Local, e prégase ós condutores que empreguen vías alternativas, como a rúa María, para baixar ao peirao.




