Cobre San Rafael sae ao paso das acusacións “de episodios de acoso e intimidación á veciñanza de Touro-O Pino” por parte Sindicato Labrego Galego argumentando que “levamos colaborando durante os últimos sete anos para brindar novas oportunidades de crecemento á comunidade. Neste sentido, realizamos máis dun centenar de reunións informativas cos veciños e estes, libremente, deciden se aceptan ou non estas reunión”.
Neste sentido, Cobre San Rafael nega “rotundamente calquera acoso ou chamada intimidatoria. Calquera outra afirmación a este respecto está a facerse desde o descoñecemento ou a mala intención”.
Engaden que “Cobre San Rafael é unha empresa que leva desde o 2015 traballando para reactivar os labores de produción de cobre na mina de Touro – O Pino. A empresa presentou un proxecto novo que aborda as cuestións de mellora que se expuxeron no pasado. Actualmente, está á espera de recibir unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) e, por tanto, é falso que teña unha DIA negativa”.
Dende Cobre San Rafael recordan que “a mina non está operativa e, por tanto, Cobre San Rafael non a está operando. Calquera organización que estea a criticar agora mesmo o proxecto presentado por Cobre San Rafael faino desde o descoñecemento, porque non foi posto aínda a exposición pública”.
PROXECTO CON BASE LEGAL
A Xunta de Galicia, dentro das súas funcións, tramitou esta iniciativa como Proxecto Industrial Estratéxico (PE) porque cumpre os requisitos de investimento de máis de 20 millóns de euros e de creación de 100 empregos (Cobre San Rafael investirá 200 millóns e creará 400 empregos); e complementa cadeas de valor en sectores estratéxicos e aliñados cos obxectivos da Unión Europea (o cobre está na listaxe de minerais críticos e esenciais publicado pola UE). Dende Cobre San Rafael explican que “é unha decisión tomada en base a cuestións legais. Calquera medida que se solicita en contra está fomentada desde a arbitrariedade”.




