PUBLICIDADE

Novo parque infantil e reforma da Galiña Azul no Pereiro de Aguiar

PorBisbarra

Luns, 28 Outubro 2024 , ,
Novo parque infantil en Castadón, no Pereiro de Aguiar.Novo parque infantil en Castadón, no Pereiro de Aguiar.

O Concello do Pereiro de Aguiar vén de executar dúas obras para mellorar os servizos centrados na infancia. Neste caso, trátase da creación dun novo parque infantil e a execución de melloras na escola infantil Galiña Azul.

Por unha banda, rematáronse as obras para crear un novo parque infantil en Castadón. Esta infraestrutura está situada ao lado do centro social e o Goberno local salienta a “construción moderna e funcional”. Con este investimento, o Concello do Pereiro de Aguiar dota dunha área de lecer para os nenos e nenas da contorna, así como un lugar de xuntanza para as familias.

Así pois, a construción deste novo parque contou co financiamento da Xunta de Galicia. Neste sentido, para o proxecto de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais, que tamén inclúe a mellora de accesibilidade na casa do concello, o ente autonómico achegou 42.777,13 euros.

PUBLICIDADE

Pola outra banda, o Goberno local executou melloras na escola infantil Galiña Azul, situada na urbanización Veiga de Abaixo. Estas obras, rematadas antes do inicio do curso, supuxeron un investimento de 20.000 euros. Neste senso, consistiu na actualización das instalacións dunha das escolas infantís con máis alumando da provincia de Ourense.

O Pereiro de Aguiar executou melloras na Galiña Azul por valor de 20.000 euros.
O Pereiro de Aguiar executou melloras na Galiña Azul por valor de 20.000 euros.

Grazas á intervención, o centro poderá ofrecer un mellor servizo aos 43 nenos e nenas matriculados neste curso. Para xustificar este investimento, o Concello do Pereiro de Aguiar sinala ao aumento constante de matriculacións no centro infantil, que o curso pasado acollía a 37 alumnos, seis menos que o presente.

O alcalde pereirao, Luís Menor, salienta estes dous investimentos centrados na mellora do benestar e servizos para a cativada. Así mesmo, destacou outras actuacións para mellorar os servizos a toda a veciñanza, como a ampliación do parque empresarial, o novo instituto, a ampliación do colexio ou o remate do parque acuático.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.