O compostelán recibiu o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, que concede o Concello, coincidindo coa representación de O deus do pop
O actor compostelán Diego Anido recibiu, o pasado 2 de novembro, no auditorio municipal, o 23º Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, que concedeulle o Concello de Padrón “pola súa ampla traxectoria e o seu traballo innovador no teatro e nas artes escénicas galegas”.
“Hai que destacar o talento, a traxectoria e o papel como embaixador da cultura galega de Diego Anido, así como a súa innovación no teatro de obxectos e físico” indicou o alcalde de Padrón, Anxo Arca, durante o acto de entrega do 23º Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva ao compostelán, e que organizouse coincidindo coa súa representación O deus do pop, unha peza que mestura linguaxes escénicas e que tivo unha gran repercusión e acollida entre público e crítica.
Anxo Arca tamén destacou a aposta do Concello de Padrón pola cultura e polo apoio ao sector teatral e das artes escénicas galego, destacando que esta tradición contribúe a manter vivo o legado de figuras como Maruxa Villanueva e Rosalía de Castro.
Diego Anido recibiu o premio dotado con 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura do busto de Maruxa Villanueva. O compostelán amosou a súa gratitude ao Concello de Padrón e ao xurado, destacando a importancia do premio como recoñecemento ao teatro galego e ás novas formas de expresión artística.
Con este galardón, o goberno local reafirma o seu compromiso co sector cultural e co teatro galego, integrando este acto no programa de Outono Cultural 2024, que seguirá ofrecendo á cidadanía unha ampla programación de eventos artísticos e culturais.