O alcalde de Oroso, Alex Doval, mantivo recentemente un encontro cordial e produtivo co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, no que se trataron varios proxectos e necesidades fundamentais para mellorar a seguridade, a conectividade e o desenvolvemento do municipio. Durante a reunión, o Alcalde trasladou unha serie de peticións que considera de vital importancia para o futuro de Oroso e que solicitou que o Goberno de España teña en conta na súa planificación.
Entre as peticións presentadas destaca a necesidade de reposición dos pivotes verdes ao longo da avenida de Compostela e na entrada da rotonda de Sigüeiro, onde algúns se atopan caídos. Estes pivotes son clave para mellorar a seguridade viaria e peonil, marcando claramente os espazos e evitando posibles incidentes. Tamén se propuxo a instalación de iluminación adicional nos pasos de peóns máis frecuentados en Sigüeiro, co fin de mellorar a visibilidade nas horas de escasa luz e reducir os riscos para os transeúntes.
Por outra banda, o alcalde destacou a importancia de construir unha beirarrúa na N-550 desde Deixebre ata o local social da parroquia, unha intervención que permitirá garantir a seguridade dos peóns que utilizan esa vía. A cesión da parcela onde se atopaba a radio baliza de AENA en Sigüeiro tamén foi tratada, solicitándose que se poida destinar este espazo a un uso social ou comunitario que favoreza o desenvolvemento urbano e mellore os espazos públicos.
Ademais, durante a reunión mencionouse a necesidade de mellorar a estética e a integración paisaxística da rotonda na N-550 á saída da AP-9, para mellorar a imaxe de entrada ao municipio e integrala de forma harmoniosa co entorno natural. Igualmente, o Alcalde solicitou a mellora do aglomerado da estrada N-550 ao seu paso polo municipio, o que garantirá unha circulación máis segura e eficiente, especialmente nos tramos de maior afluencia de vehículos.
O alcalde de Oroso subliñou a boa disposición do Delegado do Goberno en Galicia para atender estas solicitudes e comprometeuse a seguir colaborando de forma conxunta coas distintas institucións para levar a cabo as melloras necesarias para o benestar da veciñanza de Oroso.