O BrincaNadal, campamento de conciliación pensado para que as crianzas poidan desfrutar dun espazo lúdico e educativo durante todas as vacacións escolares de Nadal, chega de novo ao concello da Baña. O prazo para formalizar as inscricións estará aberto dende hoxe 20 de novembro ata o 3 de decembro, e toda a documentación necesaria para realizar o trámite atópase dispoñible na páxina web municipal.
O BrincaNadal desenvolverase no Local Social de San Vicenzo, nos días laborais comprendidos entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro, ambos os dous incluídos. O horario será de 08.00 a 15.00 horas, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante este período non lectivo. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos, que poderán gozar de actividades variadas de carácter lúdico, cultural e educativo.
As inscricións para participar no BrincaNadal 2025 deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica, asinadas pola nai, pai ou titor legal. O proceso require a solicitude cuberta, os documentos de identidade das persoas menores e da titular da conta bancaria, así como o informe médico no caso de seren precisos tratamentos ou condicións especiais e a tarxeta sanitaria das persoas usuarias. As solicitudes fóra de prazo pasarán automaticamente á listaxe de agarda.
Os prezos desta edición establécense en 25 euros para o primeiro participante censado (50 se non o está), 20 euros para o segundo (40 para non censados) e 15 euros para o terceiro (25 para non censados). O campamento está organizado pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía.




