PUBLICIDADE

“Creo que se dan unhas circunstancias moi singulares que fan que hoxe Galicia estea nun momento moi doce no ámbito da cultura”

José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude durante a presentación do libro 'Castelao, entre nós. 75 anos despois', de Paco López-BarxasJosé López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude durante a presentación do libro 'Castelao, entre nós. 75 anos despois', de Paco López-Barxas

Hai máis dun ano que asumiu a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, que balance fai destes meses ao fronte do departamento?

O primeiro que teño que destacar é o cambio dende a óptica municipal á óptica autonómica. Eu levaba 20 anos coa experiencia de xestionar dende un Concello, a problemática máis inmediata da veciñanza. Vir á Xunta dáche unha visión moito máis ampla do que é Galicia; e ter a sorte de facelo dende unha Consellería tan importante dende o ámbito cultural sempre é unha gran satisfacción.

Primeiro a sensación foi de algo de vertixe e de moita ilusión. Agora, xa máis repousado, un dáse conta do gran potencial que temos en Galicia, que hoxe está nun momento marabilloso en moitos sectores, a nivel económico ou industrial, pero se tivera que destacar un eu diría que no cultural Galicia hoxe está a un nivel extraordinario.

PUBLICIDADE

Creo que nos quitamos un pouco ese efecto complexo que tiñamos a veces para amosarnos como somos ao resto do mundo, mais tamén penso que hoxe en día isto esta a mudar cos recoñecementos que estamos obtendo, os premios nacionais que repetidamente ano tras ano se colleitan no eido da narrativa, da poesía, do teatro… Tamén o éxito no sector audiovisual, con proxectos tanto con ADN propio galego, nas artes escénicas ou na aposta polo patrimonio como a candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial… Creo que se dan unhas circunstancias moi singulares que fan que hoxe Galicia estea nun momento moi doce no ámbito cultural.

Temos retos importantes por diante, evidentemente. No eido da lingua no ano 2026 temos ese gran reto de estar á altura do que nos esixe o país con ese gran acordo do pacto pola lingua. Temos retos no ámbito da Xuventude, que estamos vendo que ano tras ano, por primeira vez dende que hai enquisas, a primeira preocupación da sociedade é o problema da vivenda, sobre todo da xente nova. Aí temos tamén retos importantes en materia de emancipación.

Creo que esta Consellería está sendo transversal no foco de moitos debates que se plantexa hoxe en día a sociedade e que temos que resolver.

Cales son as súas prioridades ao mando desta Consellaría?

O primeiro é intentar sentar as bases dunha nova política cultural. Isto cambia moi rápido, antes igual o que funcionaba durante moito tempo podíase prolongar. Hoxe o nivel de esixencia en todos os sectores de todos ámbitos sociais é máxima, pero todo cambia de forma moi rápida.

Temos que ser capaces de avanzar en políticas que sexan máis dinámicas, máis útiles ao tecido cultural e intentar conectar cunha sociedade que está necesitada de poñer en valor o noso patrimonio, de sentir orgullo pola súa lingua… É un reto importante para min situar o galego no centro, fóra de tanto debate político, e escoitar un pouco máis a unha sociedade que, maioritariamente, non ve a lingua como unha ferramenta de confrontación, se non como unha ferramenta de diferenciación, da que sinte moito orgullo. Os datos que manexamos apuntan a que a xente, incluso a castelán falante, se sinte orgullosa de ter un idioma como é o galego e temos que aproveitar esa realidade. Creo que o reto está en seguir impulsando un sector cultural cada vez máis puxante, con máis peso a nivel internacional e nacional e no ámbito económico. Ten un impacto importante, estamos a falar dun 3,5% do PIB en Galicia.

A maiores, as políticas que poñeremos en marcha para a xuventude buscan resolver os seus principais problemas. Estamos traballando moito coa Consellería de Vivenda para a creación de vivendas de uso colaborativo, para a construción de vivendas para a mocidade, de vivendas protexidas…

Fundamentalmente queremos acadar ese gran acordo social, e creo que a lingua ten que ser o elemento que nos una definitivamente.

En que vai consistir o coñecido Pacto polo Galego?

O Pacto vén a ocupar un espazo central no ámbito que nos pida a sociedade. É dicir, temos que apartalo un pouco do debate político. A lingua patrimonializouse por parte de determinados sectores políticos e non axudaron, iso non lle sentou ben á lingua galega. Creo que se construíron bandos entre “bos galegos” e “malos galegos”, aqueles que defendían máis o galego ou non. Eu creo que todos temos un sentimento de cariño extraordinario cara o idioma e o que temos que conseguir é que ese Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a maior ferramenta para poñer en marcha as políticas, cun plan que naza de abaixo para arriba. De nada vale que nós academos un pacto político se ese pacto non se traslada á sociedade.

A constitución deses grupos de traballo que se entrevistaron con centos de entidades e asociacións, co que tamén se lle deu a posibilidade de participación pública á cidadanía, para que se enriqueza, para que se actualice e que sexa unha ferramenta que nos permita transformar a lingua tamén nun elemento vivo e que dea solución aos problemas que temos.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha intervención no Parlamento de Galicia

Hoxe en día contamos cunha porcentaxe moi grande nos colexios de persoas que non naceron en Galicia, que non tiveron contacto co galego nin é a súa lingua materna, e temos que ofrecerlles ferramentas para que entren nese mundo do uso habitual da lingua galega. Temos entornas urbanas nas que se socializa maioritariamente en castelán e temos que intentar buscar ferramentas para achegarnos a esa parte máis nova.

Tamén imos seguir utilizando a lingua como un elemento transversal e substancial da nosa cultura. Cando a lingua deixa de ser un problema e pasa a ser un motivo de orgullo conseguiremos o noso obxectivo que é o que pretendemos neste escenario buscar un pouco ese equilibrio.

A Xunta impulsou o talento emerxente no ‘XV Encontro de Artistas Novos’ que reuniu no Gaiás a 40 creadores de dentro e fóra de Galicia, que balance se pode facer?

O EAN é unha das actividades que mellor funcionan dentro da Cidade da Cultura, que por fin converteuse nese gran laboratorio cultural, no que tanto podes ver unha gran exposición como proxectos audiovisuais, que chegan moito ás novas xeracións; ademais de concertos ou participar nos encontros que estamos facendo con esas actividades formativas, residencias artísticas. É un pequeno laboratorio no que xuntas moito talento e no que son capaces de crear proxectos culturais extraordinarios.

O Encontro de Artistas Novos é un deles, pero hai moitas outras experiencias de creadores e creadoras ao longo do ano nas que imos fomentando esas residencias artísticas e creo que a Cidade da Cultura é o gran espazo para poder acollelas. Queremos que siga sendo ese gran laboratorio de ideas que permita que a cultura siga nesa liña ascendente e emerxente.

Que proxecto sobre a xuventude, cultural ou lingüístico lle faría ilusión ter consolidado antes do final da lexislatura?

Como proxecto concreto, creo que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial é un reto enorme para Galicia e para o territorio. Son máis de dúas ducias de concellos os que estarían afectados, en dúas provincias, o territorio de interior de Lugo e Ourense. Sería un pulo para o territorio, un antes e un despois, que logo teremos que xestionar, facer un plan director, planificar toda esa estratexia. Pero dende logo ese reto que imos ter no 2026 sería para Galicia e para ese territorio algo extraordinario.

Consolidar tamén a dinámica de colaboración de traballo cos distintos sectores culturais, xa que o que funciona para o sector do libro non funciona para o das artes escénicas, por exemplo. É cultura, pero son completamente diferentes. Incluso dentro das artes escénicas, o que funciona para o teatro ao mellor non funciona para a danza. Temos que ter moitísima interlocución, os plans directores e as estratexias que estamos facendo por sectores están funcionando moi ben, porque nos dan moita participación. Agora estamos coa música, cos produtores, para elaborar un plan estratéxico; xa o fixemos coa danza, facémolo tamén co sector do libro… Creo que iso nos dá moita proximidade, nos xera debate, e ter eses plans estratéxicos por sectores durante este mandato é tamén outra iniciativa interesante.

E despois, seguir colaborando de forma transversal coas Consellerías para, na medida do posible, resolver ou empezar a cambiar a tendencia do problema da vivenda. Creo que ese é un dos grandes retos que temos todas as administracións e dende a Consellería, sobre todo a parte de Xuventude, temos un reto importante.

Ante a incerteza da mocidade polo futuro, con que ferramentas vai axudar a esa parte da sociedade a afrontar as súas dificultades?

Non pode haber unha independencia plena se non hai autonomía económica. O que temos que buscar é a posibilidade de que todas estas xeracións, que ademais están moi formadas e a día de hoxe hai demanda no mercado laboral, poidan atopar ese itinerario laboral que lles permita realizarse persoalmente. Despois temos que seguir avanzando nesas decisións que se están tomando de forma moi directa e moi valente por parte do presidente de poñer no mercado vivenda de promoción pública que permita resolver este tema; acompañado con outro tipo de políticas.

Por exemplo, cando se nos criticaba polo bono emancípate, que foi un éxito absoluto, nos dicían dende a oposición que evidentemente esta non era a solución; unha axuda de 3.000 euros para quen compra unha vivenda ou 1.500 para quen aluga non é a solución definitiva. Pero si é certo que máis de 3.700 mozas e mozos solicitárono e foi un éxito total. Ao final puidemos resolver favorablemente entorno a 1.000 solicitudes, cun incremento de orzamento que fixemos este ano de 2 millóns a 2,25 millóns de euros e cunha achega de 3 millóns para o ano que vén, aumentando un millón de euros máis.

Son medidas que, de forma simultánea, aplicadas con outras, que permiten que a xente nova poida buscar o seu camiño. Aí temos que traballar todos e así o estamos facendo; a Consellería de Vivenda, a Consellería de Cultura, a Consellería de Emprego, a Consellería de Industria… Estamos todos traballando de xeito transversal para que as políticas tamén sexan complementarias. Ás veces, unha administración tan grande coma esta corre o risco de que esteas tomando decisións e que algunhas sexan incompatibles con outras, pero creo que aquí se está a facer esa xestión e é importante, porque está dentro das prioridades máximas do propio presidente.

A Xunta activou de novo axudas para a obtención dos permisos de conducir, cal é o seu funcionamento?

Trátase dunha medida moi social porque estamos falando dun investimento duns 800.000 euros ao ano. Este ano incorporamos unha novidade, o carné de moto, xa que sobre todo nas cidades a xente emprega moito ese tipo de vehículo, incluso máis que o coche. É unha medida que ten un impacto directo e facémolo ademais co ánimo de estimular á mocidade a sacar o carné.

É un reto que temos a día de hoxe, hai moita xente nova que non ten entre as súas prioridades sacar o carné, é algo curioso. Esta medida non pretende só financiar os custos e rebaixar as cargas familiares, senón tamén motivar un pouco á xente moza porque é importante ter esa autonomía e independencia. É certo que o transporte público mellorou moito, é certo que a xente nova acostumouse a se trasladar en tren, o que é marabilloso, e no autobús e nos servizos públicos; pero o coche é fundamental e básico, e cando alguén entra no mercado laboral é consciente desa realidade.

Non ter carné de conducir pode ser limitante e o que pretendemos é impulsar e xerar esa dinámica para que os recursos económicos non sexan un problema para a xente moza neste ámbito. Poñemos estas axudas a disposición de todo o mundo, son un éxito, funcionan moi ben, pero temos que seguir insistindo para que sexa unha medida tamén de reclamo, para que a mocidade teña esa sensibilidade e saquen o carné que probablemente o día de mañá o van necesitar nalgún momento.

Vén de rematar o ciclo de festivais e concertos de verán, que propostas da Consellería destacaría da programación para este outono e inverno?

Un dos grandes retos, tendo en conta a climatoloxía que temos en Galicia, é desestacionalizar a actividade cultural. Neste caso, comezamos co ciclo de concertos en salas, unha medida que puxemos en marcha este ano. Costaba moito atopar a fórmula e, en colaboración e coordinación co sector, fomos quen de conseguir un mecanismo que sexa práctico para o propio sector e empezaremos con este ciclo, que nos vai permitir que durante estas épocas do ano, nas que hai menos actividade, os grupos do ámbito galego poidan ter o seu espazo e as propias salas poidan programar con certa planificación.

Este ano no que entramos vai ser moi singular porque é un ano prexacobeo. Estamos coa vista posta no Xacobeo 2027, xa mantivemos moitas reunións para a planificación deste ano, e o 2026 vai estar moi marcado por esa visión. A ver se conseguimos definitivamente que o Goberno central aprobe as exencións fiscais para os patrocinios, por tanto empezaremos xa no 2026 a preparar o ano Xacobeo. Así que toda a actividade cultural que temos xa é moita, pero a que esperamos no 2026 vai ser unha programación máis robusta. Hai intención de que o Xacobeo non sexa só o ano natural, senón que vaiamos aproveitando, entramos agora nun ciclo de Xacobeo no 27 e Xacobeo no 32, que sexa unha programación continua e que nos permita reforzar tamén esa presenza cultural.

Pode facer un balance das propostas culturais da Consellería e do seu acollemento e participación, por parte da cidadanía, nesta época estival no referido a eventos, festas, romarías, festivais, exaltacións gastronómicas… promovidas ou que apoia o seu departamento?

O retorno que estamos tendo é fantástico, pero temos moitísima programación. Por exemplo, no sector da música temos moitos festivais. Os grandes festivais de Galicia canalízanse a través de Turismo, o gran impulsor de case todos os proxectos, nós estamos traballando en festivais que poñen en valor entornas como o 17° na Ribeira Sacra, ou o Sinsal en San Simón. Son proxectos moi singulares que teñen un valor cultural moi alto.

No sector das artes escénicas, apoiamos todos os grandes festivais que hai en Galicia, que teñen un gran retorno. Vimos de rematar agora o Fiot, o festival de Ribadavia, o máis que merecido premio da cultura galega ao festival de Cangas… Son citas moi consolidadas polas que a Xunta fai unha aposta moi clara.

José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude durante unha visita a unha das blibliotecas na celebración do seu Día Internacional
José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude durante unha visita a unha das blibliotecas na celebración do seu Día Internacional

No sector do libro imos pechar agora o ciclo de presenza do libro galego a nivel internacional, nas feiras do libro, que é un sector importantísimo. Vimos de reunirnos estes días co sector de libreiros polas propias feiras do libro que funcionan moi ben, en palabras do propio sector, están tendo un retorno e un resultado mellor que nunca, estamos no mellor momento. Fai uns anos a tendencia era negativa, hoxe en día están en auxe.

Nós o que debemos facer é xestionar os recursos, que son limitados, e escoitar moito ao sector e estar ao lado daquelas iniciativas que realmente están funcionando. Eu teño que dicir que a coordinación e colaboración é extraordinaria. É un bo momento de interlocución con todos os sectores culturais e ese bo clima favorece a que a dinámica de traballo e os proxectos que están hoxe en día moi implantados no territorio estean funcionando realmente ben.

Sería inxusto poñer algún evento por encima de outro, pero si hai que dicir que o nivel medio da programación cultural en Galicia está sendo moi elevado. O éxito mídese, se a xente participa ou non participa, e creo que hai unha participación moi importante. Si é verdade que unha parte fundamental inevitablemente está estacionalizada nos meses finais da primavera e durante todo o verán, a climatoloxía nos limita, pero non deixa nunca de haber actividade cultural en Galicia. Aí é onde impulsamos agora dende a administración, nestas liñas como a axuda ás salas de música ou o proxecto de apoio ás artes escénicas para que nos permita que durante estas épocas de menor actividade cultural non se perda a dinámica.

Como valora o traballo que se está a facer na Cidade da Cultura, que aos poucos se está consolidando como un punto de encontro e eixo da cultura galega, da música, da arte, da literatura, co desenvolvemento de actividades multidisciplinares?

Un dos temas que quero poñer en valor é a rede de museos, a Cidade da Cultura está dentro desa rede. Hoxe en día a rede de museos ocupa un lugar central, por primeira vez superamos o medio millón de visitantes na rede de museos da Xunta de Galicia. Temos ás veces eses pequenos esquecidos, os museos, os arquivos e as bibliotecas, que son tres grandes centros de actividade cultural e, quen aglutina todo iso nun gran edificio é a Cidade da Cultura. É ese expoñente, ese buque insignia do que é a cultura. De feito, o propio Observatorio da Cultura Galega sitúao como o gran proxecto cultural de Galicia durante os últimos anos.

Hai unha clara aposta por parte do Goberno galego en potenciar a Cidade da Cultura como ese gran contedor de actividades culturais e vaino ser aínda máis pola aposta que hai pola programación e coa posta en marcha do Centro de Artes Dixitais que vai complementar perfectamente toda a actividade que se fai.

A cultura dixital é algo que está xa totalmente implantada e converter á Cidade da Cultura en ese gran espazo e darlle ese contido de cultura dixital vai ser un factor diferencial. Ademais, a día de hoxe por alí pasan máis de 250.000 persoas no que é o propio museo, pero pasan máis dun millón de persoas todos os anos por alí. Uns días hai actividade de congresos, hai moitísima actividade a nivel académico… A Cidade da Cultura goza de moi boa saúde e non o di o Goberno galego, dino todos os observatorios da cultura, todas as revistas. Por exemplo, o Observatorio da Fundación Contemporánea fala de que a Cidade da Cultura durante estes dous últimos anos foi a mellor proposta cultural de Galicia. Creo que a aposta que se está a facer vese en resultados e hoxe en día a Cidade da Cultura pode ser a gran referencia da cultura galega.

Que destacaría no eido cultural acontecido nestes oito primeiros meses do ano e por que?

Destacaría a boa sintonía, o bo clima que se respira en todos os sectores culturais en xeral. Hai esixencias por parte dos sectores, por suposto hai debate, como non pode ser doutra maneira, de cuestións que son razoables e doutras máis difíciles de chegar a elas, pero eu si destacaría que a día de hoxe existe maioritariamente unha boa interlocución.

Hai moita actividade por parte das entidades que representan os distintos sectores culturais, as asociacións están moi ben representadas, os clústers, as academias, como a do audiovisual… Eu creo que están facendo un grandísimo traballo. Nós estamos moi próximos, escoitando moito, intentando adaptarnos, e eu creo que o que máis destacaría, fundamentalmente, é ese bo ambiente que se respira na cultura galega.

Ademais a eclosión de proxectos culturais que estamos observando nos últimos meses, nunca se recordan datos así, o medible non é opinable. Nunca Galicia ocupou un papel tan central no ámbito cultural a nivel nacional e internacional. Isto evidentemente non é mérito da Xunta de Galicia, é mérito do talento e da creatividade, pero é algo do que nós nos sentimos especialmente orgullosos.

A veces teño a sensación de que a algúns non lles gusta que a cultura vaia ben, por se alguén se poida roubar algún mérito, o máis lonxe da realidade. Eu creo que o presidente, cando creou esta Consellería e a separou de Educación, fíxoo porque entende que tiñamos que estar máis próximos e accesibles e tiñamos que ter unha política cultural moi definida. Se hoxe Galicia é algo e proxectamos algo cara esa Galicia Calidade, é a paisaxe, a gastronomía e a nosa cultura. Fundamentalmente é o que atrae a milleiros de turistas e o que nos permite que o Camiño de Santiago estea con cifras de récords absolutos, así como o número de visitantes, e creo que a xente valora Galicia por esa singularidade.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.