O XVII Santiago(é)Tapas, que terá lugar do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026, fai este encontro por primeira vez, que servirá para responder as dúbidas que xorden dos locais participantes e para informar das modificación nas bases para esta edición
O XVII Santiago(é)Tapas, que se desenvolverá do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026, organiza o vindeiro 25 de novembro no salón de actos do CIFP Compostela un café informativo dirixido aos locais de hostalería que queiran participar nesta nova edición do concurso de tapas e petiscos, organizado e promovido por Turismo de Santiago e conta co apoio da Deputación da Coruña.
Esta é a primeira ocasión na que se desenvolve un acto destas características, informan dende a organización e precisan que servirá ademais para responder as dúbidas que sempre xorden á hora de realizar as inscricións, que resultará de especial utilidade a todos aqueles que se presenten por primeira vez ao concurso, e no que se informará tamén das modificacións nas bases do certame.
Un destes cambios será como o establecemento de criterios máis específicos de valoración, poñendo o foco no concepto de tapa e nas técnicas culinarias que se empregan na súa elaboración. Así, por exemplo, entenderase como tapa unha pequena porción de comida, preparada para acompañar unha bebida, que non supere os 90 gramos de peso na categoría tradicional e 75 gramos no resto de categorías: creativa, doce e adicionais.
Para poder asistir a este Café Informativo do XVII Santiago(é)Tapas, que ofrecerá unha das empresas patrocinadoras do certame, Café Dromedario, hai que inscribirse a través deste formulario online na web santiagoetapas.gal.
O XVII Santiago(é)Tapas, encadrado dentro da marca Compostela Gastronómica, celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026. Aqueles locais de hostalaría que queiran inscribirse poden facelo xa e ata o 7 de xaneiro incluído, a través do formulario online que atoparán tamén na páxina web santiagoetapas.gal.




