Alberto Rodíguez Boo (Santiago, 1979) é enxeñeiro industrial e fundador e CEO de Alda Hotels, unha cadea de que agromou en Compostela no 2009 cun pequeno establecemento, O Fogar de Teodomiro. Na actualidade, Alda Hotels conta con máis de 80 aloxamentos no centro e no norte de España e oferta máis de 3.000 habitacións
– Como remata un enxeñeiro industrial dedicándose ao mundo do turismo?
– A verdade é que é casualidade. Cada un somos consecuencia das vidas que vivimos e do entorno que temos, dende a familia aos amigos, aos profesores e ás experiencias que un ten. No meu caso, eu traballaba como enxeñeiro, dedicábame ao mundo industrial. Foi a crise de 2008 a que levou á última empresa na que eu traballei ao concurso de acredores e vin como unha opción profesional poñer en marcha un negocio. Sendo de Santiago e vendo que non tiñamos unha oferta de establecementos de perfil medio que cumpriran uns estándares de calidade suficiente, pensei que poñer en marcha un negocio de hostalaría que puidese ter unha saída de autoemprego. Si que é certo que esa idea de autoemprego máis romántica de levar un negocio de forma moito máis personalista pois rapidamente, e por ese efecto de formación de enxeñeiro de intentar ser eficiente, de impulsar melloras sobre cada proceso, me levou a ir collendo máis hoteis, conformando o que a día de hoxe é Alda Hotels. Pero, o inicio foi casual. De feito, lembro cando puxen en marcha Alda Hotels co que en aquel momento era o meu socio Dani. Valoramos outros negocios como poñer unha empresa on-line, fabricando mobiliario modular para que cada un fixera os seus deseños por Internet e motara os mobles na casa. Valoramos varios negocios e a hostalaría era un que xa existía, que había demanda e parecíanos que era máis sinxelo de poñer en marcha.
– Desa idea romántica de autoemprego, o grupo Alda medrou moito en pouco tempo acadando case 100 establecementos, pero tamén fóra das nosas fronteiras. Agora na República Dominicana. Cal é a clave para conseguir estes logros?
– Ten que haber varias cousas. Por unha parte tes que ter ambición, tes que querer facelo. Se o primeiro negocio xa cubre as túas expectativas, pois probablemente non pases dese. Ou quizais se o fas o suficientemente ben, xa non necesitas facer o segundo. Eu digo moitas veces así un pouco de broma que eu tiven que abrir 100 hoteis porque o primeiro saíume relativamente mal e tiven moito que mellorar de cara ao segundo e así sucesivamente. Tes que ter esa ambición de querer crecer, de querer traballar.
Por outra banda, tes que ter a sorte de rodearte de xente coa mesma ambición ca ti, teñen que xurdir as oportunidades. Ao final, que os negocios e as cousas vaian saíndo.
Penso que unha cousa moi importante tamén cando un ten unha visión de empresa en desenvolvemento, dunha empresa en crecemento, é que ten que ter esa vocación de mellora continua, de querer facer as cousas mellor. Iso moitas veces é unha das pancas que nos fai seguir para adiante, ao pensar que aínda tes cousas por facer. Se ti pensas que xa o fixeches moi ben, probablemente estanques o teu negocio ou a túa empresa. Se pensas que aínda podes facer cousas, que aínda se pode facer mellor, é unha das pancas que fai que tires para adiante.
A regulación sobre as vivendas de uso turístico xa existe, o que non hai é vixilancia dese cumprimento normativo. Que existe un exceso de vivendas? Pois isto é unha cuestión de oferta e demanda. Non debe de ser tan excesivo no momento no que se seguen abrindo e seguen funcionando”
– Á hora de crear ou de coller novos hoteis cal é o criterio que prima?
– O primeiro criterio que prima sempre é a rendibilidade do negocio. Non todo o mundo ten a mesma visión. Hai xente que ás veces pensa que é un negocio estratéxico ou que ten un efecto bandeira que dá o ter un hotel en determinado destino. Ese non é o noso caso. Para nós, cada unidade de negocio ten que ser rendible. E para que sexa rendible, o que condiciona no momento de entrada dun establecemento é o prezo que ten. Nós que traballamos practicamente todo en arrendamento, se o arrendamento encaixa en números imos a poñer o hotel. Se o hotel non encaixa en números, non o imos a poñer. Rara vez cunha propiedade que ten vontade de que lle levemos o negocio, non chegamos a un acordo porque realmente é difícil. Pode haber algún hotel que de ningunha maneira ou incluso sen ter renda, que che deixen o hotel gratuíto, que non sexas capaz de defender unha operación. Iso, a día de hoxe, practicamente non o vimos.

– Como definiría a súa cadea hoteleira en poucas palabras?
– Gustaríame, non sei se é realidade ou é intención, que foramos unha cadea eficiente. Que cos mínimos recursos sexamos capaces de producir o máximo efecto de cumprimento de necesidades por parte do cliente. Penso que o mundo tamén se está polarizando moito en todos os sectores, no sentido de que pode haber un produto moito máis de luxo, de valor engadido e outro moito máis funcional. Eu posicioneime, quizais por esa experiencia ou esa formación de enxeñeiro, na parte máis eficiente, na parte máis funcional, non buscando ofrecer produtos de moito valor engadido senón que cumpran unhas necesidades básicas dos clientes máis maioritarios. Esa é a intención, que os nosos hoteis, con un prezo que sexa o máis competitivo posible, que lle poidamos cubrir ao cliente esas necesidades de aloxamento. Non son hoteis experienciais. Podemos ter algún hotel que ten algún compoñente un pouco máis singular, un pouco máis único, pero o normal é que os nosos hoteis o que busquen é cumprir as necesidades de aloxamento por parte do cliente e que o fagamos da mellor maneira. Esa é a idea.
Penso que unha cousa moi importante tamén cando un ten unha visión de empresa en desenvolvemento, dunha empresa en crecemento, é que ten que ter esa vocación de mellora continua, de querer facer as cousas mellor”
– Hai cinco anos o mundo paraba pola Covid, pechaba case todo. Como afectou ao sector dos hoteis? Está xa reactivado ou aínda lle falta algo?
– O certo é que a Covid foi un punto de inflexión para todo o sector hoteleiro. Tivemos un efecto transitorio a curto prazo do que foi, ao que parece que está quedando como un efecto máis de longo percorrido.
A curto prazo foi o maior tsunami do sector hoteleiro. Tivemos durante meses os nosos establecementos pechados. Evidentemente, iso xa deu unhas perdas económicas brutais. Tivemos á xente coa que chegar a acordos vía ERTE, coas ferramentas que nos deu a Administración para poder regular aos nosos empregados. Cos propietarios, tamén unha negociación durante meses que foi moi dura, de negociar as rendas, de negociar carencias, de negociar baixadas de renda e, afortunadamente, no noso caso chegamos a acordos coa maioría de propietarios de suspensións de contratos ou a solucións que ao final foron boas para todos. Ese foi o transitorio. O corto prazo foi moi duro, foi unha proba de esforzo que penso que no noso caso pasamos con boa nota.
Despois o que deixou, máis a longo prazo, foi un cambio na mentalidade do cliente ou da demanda e o que vemos é moi positivo para o sector. A xente, dende a Covid, primou moito máis o desfrutar da vida, digamos. Penso que as inversións, sen ser analista macroeconómico nin pretendelo, eses gastos de largo percorrido como poden ser comprar unha casa, cambiar de coche ou cousas de ese estilo pasaron a segundo plano, e a xente puxo moito máis en primeiro termo o desfrute da vida. A idea de que non sabemos canto tempo imos estar aquí co cal pois aumentou a viaxe, aumentou o ocio… Iso para o sector hoteleiro a verdade é que permítenos vivir anos moi doces. Non vai a ser para sempre, tamén son bastante consciente de que os ciclos económicos son os que son e que nalgún momento virá algunha recesión. É inevitable. Pero levamos dende a Covid cun cambio de mentalidade e as novas xeracións, probablemente prefiren ter un traballo no que quizais non gañen o mesmo, pero ter unha fin de semana libre para facer unha escapada, visitar unha cidade ou vivir unha experiencia. Antes fiabámolo todo a un longo prazo, a unha inversión, e agora a xente está tirando moito máis dos hoteis a nivel nacional e tamén a nivel internacional. Na nosa situación, na que estamos cunha presenza, fundamentalmente no norte de España, vemos tamén que se está incrementando moito o cliente estranxeiro que antes tiña unha orientación moito máis cara a Baleares, Canarias ou costa mediterránea, e agora están aumentando moito a súa presenza na zona norte, están descubrindo esta parte de España.

– En eses momentos difíciles da Covid e da post Covid, apréndense valores e incluso estratexias para mellorar?
– Non sei se realmente é así pero na miña forma de ser é pensar si. Quero dicir, o que non te leva por diante, faite máis forte. Nós temos que facer ese exercicio de aprendizaxe. Probablemente tamén o houbo. De fondo houbo cousas que, aparte de que un pretenda facer esa lectura, nos axudaron a ser mellores. Por unha banda, cando tes unha situación de crise moi forte, axúdache a diferenciar o realmente importante do que non o é tanto. O símil penso que é bastante claro, os que temos vencellamento co mar, cando baixa a marea. Ti cando a marea está alta non ves onde están as pedras, agora cando baixa ben que as ves. Pois unha crise é como que baixa a marea. De repente ves onde estaban as pedras. Esas pedras que, cando as cousas ían ben, non tiñas tanta visibilidade e cando baixa o nivel da auga, ves claro onde estaban os baixos fondos e onde había que levar coidado. Moitas veces iso sucede tamén cos compañeiros de traballo, cos colaboradores que tes na empresa. Nun momento de ese tipo, duro, ves quen dá un paso ao fronte e se implica na busca de solucións e quen se pon un pouco máis de perfil. Falo de colaboradores, de propietarios, de provedores… Falo de todos os que tes arredor dunha empresa.
Eu posicioneime, quizais por esa experiencia ou esa formación de enxeñeiro, na parte máis eficiente, na parte máis funcional, non buscando ofrecer produtos de moito valor engadido, senón que cumpran unhas necesidades básicas dos clientes máis maioritarios”
– A punto de comezar a tempada alta de turistas coa chegada da Semana Santa e despois xa vén o verán, existe falta de persoal cualificado para traballar?
– Na hostalería en xeral sempre foi un sector que quedou bastante atrás dende o punto de vista da profesionalidade. Sempre foi un sector que acolleu moitas veces a xente que non atopaba outro traballo ou xente que estaba igual formándose, estudando ou preparando unha oposición, e completaba os seus ratos libres na hostalería. Precisamente ese cambio de mentalidade que veu despois da Covid fixo que moita de esa poboación xa non se plantexe como segundo emprego ou como emprego a hostalería. Iso é unha realidade.
Na parte hoteleira non o sufrimos tanto e temos a sorte en Galicia de ter varias escolas de formación nas que si saen profesionais. Tamén é certo que o cambio, xa non só dende a Covid, senón nas novas xeracións, quizais nos fai á xente un pouco máis impaciente e curtopracista. Co cal, á xente que recibimos con formación superior en hotelería, recentemente terminada a súa carreira, buscan entrar en postos de dirección. Non teñen a paciencia que quizais tivemos na nosa xeración de dicir “vou estar dez anos ou quince traballando dende abaixo. Empezo nunha recepción, despois paso a ser xefe da mesma… Un pouco o progreso profesional máis tradicional. Pois agora a xente pretende iso. Pon demasiado en valor a súa formación, que é importante por suposto, pero a experiencia ten un peso crítico e como di o refrán máis sabe o demo por vello que por demo. Pois isto é un pouco igual. Ao final a experiencia tes que tela, e a xente ten que pasar por ese proceso que, ás veces, é un pouco impaciente de cara a atopar algo. Polo cal, si que nos costa. Depende moito dos destinos porque hai algúns que están moito máis tensionados laboralmente e nos custa moito máis atopar xente. Noutros destinos é algo máis sinxelo. Nós, a vantaxe que temos de ter cen establecementos é que podemos facer, e ás veces xogamos con iso, mobilidade interna. Poder cubrir zonas nas que temos un pouquiño máis complicado de cubrir esas vacantes con outras zonas nas que temos un pouco máis de facilidade.

– Un tema problemático en Galicia, sobre todo nas cidades son as vivendas de uso turístico. Hai exceso deste tipo de aloxamentos? Está ben regulado este sector?
– Eu sobre iso teño as ideas bastante claras. Penso que a regulación xa existe, o que non hai é vixilancia dese cumprimento normativo. Que existe un exceso de vivendas? Pois isto é unha cuestión de oferta e demanda. Non debe de ser tan excesivo no momento no que se seguen abrindo e seguen funcionando. É certo que aos estudios aos que tiven acceso, sobre todo en grandes cidades como A Coruña, Santiago ou Vigo, xa temos máis prazas en apartamentos de uso turístico que en hoteis, e iso nun período de tempo moi curto. Cando un cambio se produce de forma moi rápida, normalmente ese transitorio xera un montón de tensións e un montón de ineficacias. Quizais a Administración debería botarlle un ollo a iso porque estamos volcando moito aloxamento contra un tipo de establecementos. Primeiro, escápanse moito máis o control, son refuxios de emprego mergullado, de xente que non está dada de alta na seguridade social, e refuxio de facturación en B, que non cobran IVE, que non declaran os seus ingresos, que non pagan IRPF, que non pagan Imposto de Sociedades…
Moitas veces hai unha bolsa de fraudes asociada ás vivendas de uso turístico e, como dicía, a regulación está, o que non se está é cumprindo. Cando nós facemos un uso dunha vivenda como aloxamento turístico, estamos utilizando un inmoble que se deseñou, por parte dun arquitecto ou dun enxeñeiro, para ser de uso residencial. É dicir, cando nós deseñamos as vías de evacuación, no sentido da apertura das portas, a iluminación, a presenza de extintores… Todas as cousas que protexen a unha persoa que non está habituada a estar nese establecemento, nunha vivenda non se cumpren. Porque ti nunha vivenda, que suponse que é a túa casa, sabes onde está a porta, onde están as escaleiras e polo tanto, os requisitos dende o Código Técnico de Edificación son diferentes. E cando nós estamos facendo uso dun residencial privado como un residencial público, estamos incumprindo unha regulación que xa existe. O que non se fai despois é esa vixilancia, ese control, para confirmar que efectivamente quen está facendo un uso de residencial público, ten o establecemento adaptado para ese tipo de uso.
Na parte hoteleira non sufrimos tanto a falta de persoal cualificado. Temos a sorte en Galicia de ter varias escolas de formación, das que si saen profesionais. Tamén é certo que o cambio, xa non só dende a Covid, senón tamén pola remuda xeracional, fai que as persoas sexan máis impacientes e curtopracistas”
– Dende o punto de vista da empresa, do crecemento… Cal é a previsión que tedes para este 2025?
– Así como o 2024 foi un ano de crecemento bastante forte, no que abrimos 25 novos hoteis ou pechamos 24 novos contratos, neste 2025 a intención é facer un pouco o cambio de ciclo. Por unha banda, ese crecemento extensivo baixou moitísimo o ritmo. Non quere dicir que non vaiamos abrir hoteis. De feito, abrimos este pasado sábado un novo hotel en Xinzo de Limia, abrimos o día 1 de abril en Jaca A Boira… Si, seguimos abrindo hoteis pero a intención é que o ritmo de crecemento sexa moito máis lento e que dediquemos o ano a facer un crecemento moito máis intensivo en lugar de extensivo. Non tanto abrir hoteis se non impulsar os que xa temos, facer melloras e facer desenvolvemento dos mesmos. Iso vai implicar, por unha parte, elaborar un rebranding dos nosos hoteis, co que imos segmentar ese crecemento. É un pouco como se te dedicas ao culturismo e tes os teus ciclos: o de gañar volume o o ciclo de definir. Pois se o ano pasado foi de gañar volume, agora imos a definir.
E para definir, imos a coller todos eses hoteis que se acolleron dentro dun mesmo paraugas que era Alda Hotels para partilos en diferentes perfís de establecementos. Imos a dar un paso máis na nosa parte de telexestión hoteleira implantando sistemas moito máis modernos de interacción cos clientes vía tótems en todas as recepcións. Imos dar un paso máis, poñer en valor moitas veces espazos que temos nos hoteis, como pode ser esta cafetería. Abrila á rúa e que a xente de fóra poida vir e utilizala como restaurante. Unha serie de cousas que pensamos que poden mellorar os resultados da empresa sen ter que abrir, exclusivamente, novos establecementos. Ese é un pouco o obxectivo de cara ao 2025. Aínda así, dende o punto de vista de grandes números, se o ano pasado pechamos en algo máis de 30 millóns de euros de facturación, pois probablemente este ano nos acheguemos aos 40. Pero pola inercia que leva o negocio, non porque vaiamos a facer un crecemento dun 25 ou 30 por cento.
– “Se podes soñalo, podes conseguilo”. Cando abriches o Fogar de Teodomiro, pensabas chegar a onde estás hoxe? Que queda daquel Alberto que poñía as copas no Rhythm & Blues?
– Eu penso que na estratexia da vida, un ten que ter os momentos para mirar cara adiante dos pés, ao que estás facendo hoxe e ao que vas a facer mañá para levantar un pouco máis a mirada e ollar a longo prazo. Penso que tan errada é a xente que está todo o día pensando o que vai a facer dentro de vinte anos como aquela que non se preocupa do que vai a facer dentro de vinte anos. Ten que haber un momento para cada cousa. Eu, hai dezaoito anos que abrín o Fogar de Teodomiro e, en aquel momento, a prioridade era que aquelo funcionara, que fora ben. Si que tiña un pouco máis claro que, con un establecemento solo o risco era moi alto e a rendibilidade era moi baixa, había que coller máis cousas, había que medrar. E o primeiro business plan a longo prazo que fixen foi a dez anos e si que tiña pensado chegar a mil habitacións, a día de hoxe temos tres mil. Tiña ese obxectivo de chegar a mil habitacións e calculaba que ían ser dez anos. No 2019 cumprimos ese obxectivo. A folla de ruta estaba feita, e tampouco sen ningún apuro. Se hoxe seguira servindo copas no Rhythm & Blues, pois probablemente seguiría sendo unha persoa feliz e seguiría sendo unha persoa realizada. Habería outras cousas que non me deixaron chegar a cumprir ese horizonte. Sen apuros, sen estrés pero si que hai que ter esa ambición de marcarse obxectivos grandes.








