O obradoiro de creación de xoias, organizado polo Concello de Val do Dubra e Artesanía de Galicia, foi impartido pola artesá Susi Gesto que guiou aos participantes durante un obradoiro que combinou arte, tradición e memoria colectiva
O obradoiro de creación de xoias, iniciativa do Concello de Val do Dubra que conta coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, reuniu durante varias xornadas a un centenar de persoas que coñeceron de preto o oficio de ourivería, e aprenderon o proceso de elaboración de xoias artesanais guiados pola recoñecida artesá Susi Gesto.
Na primeira xornada deste taller, o xoves 20 de marzo, foron os escolares de Val do Dubra os que tiveron a oportunidade de achegarse ao oficio artesán. Un total de 32 nenos e nenas descubriron polo miúdo as técnicas da ourivería e o valor do traballo manual da man de Gesto.
O segundo día, o venres 21 de marzo, foi a quenda dos usuarios de AVANTE. Un total de 28 participantes mergulláronse neste proceso creativo. Ademais, durante a fin de semana, continuou o taller con máis 30 veciños e veciñas que participaron nas sesións abertas ao público, demostrando que o interese pola cultura artesanal e polo patrimonio inmaterial está máis vivo ca nunca.
O noso obxectivo é que este sexa só o primeiro capítulo dun obradoiro que mestura memoria, tradición e creatividade. A acollida foi fantástica, e sería un orgullo que esta proposta seguise medrando nos vindeiros anos e sumando edicións” (Diego Luis Díaz, alcalde de Val do Dubra)
Na xornada do sábado, o taller contou coa visita especial de Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia, unha presenza que reafirma o apoio institucional a esta iniciativa, que tivo unha gran acollida por parte da veciñanza e de todos os colectivos participantes. O resultado destas xornadas, con dúas creacións, poderá verse dentro da programación das Feiras do Abril, que dará a coñecerse nos vindeiros días.
O Concello de Val do Dubra, a través do seu alcalde, Diego Luis Díaz, agradeceu a implicación de todas as persoas participantes, así como o apoio da Fundación Artesanía de Galicia, e manifestou o seu desexo de que esta iniciativa teña, a partir de agora, continuidade no tempo.