Os participantes puideron desfrutar, ademais dun xantar no que a filloa foi a protagonista, da música dos gaiteiros Son da Terriña, do Dúo Acherizados e de Chocolate Disco Móbil
A XI Festa da Filloa de Abellá, no Concello de Frades, foi todo un éxito de participación, xa que centos de persoas achegáronse, ao longo da xornada do sábado 15 de marzo, ata o pavillón municipal de Abellá para degustar un menú composto por 8 filloas e unha cunca de caldo, que quedaba de agasallo conmemorativo, acompañado por rixóns, lacón e café. E non foron poucos os que repetiron tanto o caldo, a un prezo de 2 euros, como as fillóas, a 3 euros, ou tamén os que optaron por complementalas con queixo, chourizo ou rosquillas.
Uns pratos que foron posibles grazas ao labor das e dos filloeiros de Abellá, así como de todas as persoas voluntarias que participaron nesta XI edición da Festa da Abellá ao longo de toda a xornada, durante a cal vendéronse máis de 250 menús.
A XI Festa da Filloa de Abellá estivo amenizada polo grupo de gaiteiros Son da terriña, pertencentes á parroquia de Galegos, así como polo Dúo Acherizados e por Chocolate Disco Móbil. Ademais, os máis cativos puideron gozar de inchables e divertidos obradoiros, dunha celebración organizada pola asociación de veciños Os Labregos de Abellá, en colaboración co Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Municipios de Ordes, ao abeiro do Proxecto Nantronte.








