A Xunta presentou os detalles do futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense ao Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI). Así pois, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse cos representantes das entidades que conforman o CERMI.
No encontro tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo; a deputada de Políticas Sociais da Deputación, Patricia Torres; a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón; e o presidente do CERMI, Ramón Sestayo
Tras o acto, a conselleira subliñou que a Xunta destinará 8 millóns de euros á xestión do centro nos próximos dous anos e destacou que a xestión social “será garante dunha atención e un servizo de máxima calidade e vangarda”. A previsión é que este centro público, que será xestionado por unha entidade social, abra as súas portas o vindeiro mes de abril.
Tras a reunión, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou o papel do CERMI como “interlocutor fundamental” da Xunta e agradeceu o seu compromiso que “axuda a seguir mellorando o benestar das persoas con discapacidade e as súas familias”. Nesta liña, fixo fincapé na aposta do Goberno galego polas entidades sociais que “aportan unha sensibilidade única e permiten prestar unha atención da máxima calidade aos usuarios”.

110 PRAZAS NO CAPD DE OURENSE
En relación ao CAPD de Ourense, Fabiola García lembrou que o Goberno galego investiu 10 millóns de euros na súa construción. Xa está totalmente equipado e conta con servizos de vangarda. Este centro disporá de 110 prazas públicas, 30 de atención diúrna e 80 residencial, e prezos 100% públicos. Concretamente, o CAPD ofertará prazas específicas para persoas con autismo, para discapacidade intelectual, parálise cerebral e dano cerebral.
No tocante á xestión social do centro, a conselleira garantiu que os usuarios do CAPD “estarán perfectamente atendidos e a Xunta velará porque así sexa” e subliñou que “é o momento de darlle a confianza que merecen ás entidades sociais”.
Neste sentido, lembrou que estas entidades están, na súa maioría, integradas por familias, nais, pais e persoas con discapacidade que decidiron aliarse e conformar este tecido asociativo. Polo que, engadiu, “están totalmente preparadas e así o levan demostrando moitos anos”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense agradeceu a oportunidade de escoitar as consideracións e suxestións realizadas polas entidades sociais acerca do propio centro e o modelo de xestión proposto. Así, destacou “a ampla experiencia que teñen estes colectivos, avalada ademais polo recoñecemento do seu labor no conxunto da sociedade”.
ACHEGAS DA PLATAFORMA PROCAPD
Asemade, o presidente da Deputación de Ourense recibiu no Pazo Provincial a unha delegación da plataforma ProCAPD. Xunto á deputada de Política Social e membros da área de Benestar da Deputación, na reunión tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Ourense e a directora xeral de Persoas con Discapacidade.

Durante o encontro, os representantes da plataforma expuxeron as súas demandas ante a próxima posta en marcha do novo CAPD de Ourense.
Pola súa banda, os representantes da Xunta de Galicia deron a coñecer os detalles das instalacións e do modelo de xestión que se quere implantar. Entre tanto, o presidente da Deputación destacou que “Ourense terá por fin un centro cunhas modernas instalacións que darán resposta ás necesidades das familias das persoas discapacitadas e cunha xestión que tamén vai garantir unha atención de calidade”.




