A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou as obras do que será o futuro centro de día de Toques, cuxa execución está practicamente rematada. Este novo recurso, financiado pola Xunta a través do Plan de Investimentos, contará con 25 prazas públicas de atención diúrna.
Na visita, a conselleira estivo acompañada polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e polo alcalde de Toques, José Ángel Penas. O novo centro, que se constrúe na antiga escola municipal, suporá un investimento total de 340.000 euros, do que a Xunta achega máis do 80%, con 283.000 euros.
Este centro de atención diúrna forma parte da vintena de proxectos que está a financiar a Xunta ao abeiro do Plan de investimentos en equipamentos sociais que dependen dos concellos: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais. Este plan foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ten como finalidade reforzar a rede local de centros de atención ás persoas maiores.
O Goberno galego destina a este plan un total de 18,5M€ de fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). No conxunto de Galicia, crearanse máis de 680 novas prazas públicas de atención residencial e de centros de día a través desta iniciativa.
Tras a visita, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou que o Plan de Investimentos é “unha mostra máis do compromiso da Xunta coa atención ás persoas maiores”. Neste sentido, explicou que se seguirá avanzando nesta liña, co impulso de 3.500 novas prazas residenciais ata o remate da lexislatura en 2028.




