PUBLICIDADE

O CIM de Barbadás atendeu case mil consultas en 14 meses

PorBisbarra

Martes, 11 Marzo 2025 ,
O CIM de Barbadás atendeu 957 consultas de 156 mulleres dende xaneiro de 2024.O CIM de Barbadás atendeu 957 consultas de 156 mulleres dende xaneiro de 2024.

O Centro de Información á Muller (CIM) de Barbadás atendeu durante os últimos 14 meses a 156 mulleres, algunhas de fóra da provincia. Non obstante, o número de consultas totais suman 957. Estas repártense entre cuestións relacionadas coa atención social, con 565; atención psicolóxica, cun total de 218; e asesoramento xurídico, con 174 consultas. Estes datos foron postos sobre a mesa pola concelleira de Igualdade de Barbadás, Elisabet González, durante o pleno ordinario.

Ademais, no pleno debateuse e aprobouse unha moción presentada polo PP para combater as limitacións das mulleres e lograr “plena igualdade de dereitos e liberdades”. A proposta popular consistía en requirir máis financiamento á Xunta e ao Goberno central para impulsar iniciativas que protexan ás máis vulnerables, favorezan a corresponsabilidade entre homes e mulleres e sensibilicen a toda a poboación.

Unha vez aprobada a moción, o Concello de Barbadás solicitará máis financiamento á Xunta e ao Estado para reforzar as políticas públicas de igualdade e avanzar na loita contra a violencia machista.

PUBLICIDADE

Así pois, a concelleira de Igualdade remarcou a importancia de contar con máis fondos para ampliar a carteira de servizos postos en marcha nos últimos anos en Barbadás, dirixidos a mellorar a conciliación das familias ou a inclusión laboral e social das mulleres. O Concello conta con programas como o Bos Días Cole ou iniciativas como o Punto Lila, que se instala nos eventos multitudinarios.

A edil fixo mención especial ao papel do CIM de Barbadás como “recurso imprescindible para asesorar e acompañar ás mulleres”, sobre todo ás que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. De feito, a moción aprobada solicita máis ferramentas e financiamento para o servizo e programas de apoio ás veciñas.

Asemade, a moción aprobada no pleno tamén inclúe a demanda ao Estado de crear un xulgado exclusivo contra a Violencia de Xénero en Ourense, unha petición que xa reiterou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en varias ocasións, e que tamén se estende a Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.