PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O comité para desbloquear o transporte metropolitano de Ourense avanza na reordenación do mapa

Imaxe da terceira reunión do comité político-técnico para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense.Imaxe da terceira reunión do comité político-técnico para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense.

O comité político-técnico para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense, impulsado desde a Deputación, continúa avanzando coa planificación deseñada. Conta coa participación dos concellos de Amoeiro, Barbadás, Cenlle, Coles, Ourense, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, Taboadela, A Peroxa, Punxín, San Cibrao das Viñas, Toén, Vilamarín, Esgos e Nogueira de Ramuín. Abordan unha demanda histórica para a cidade e os concellos da área metropolitana, onde se concentra a metade da poboación da provincia.

O presidente provincial, Luís Menor, presidiu a terceira reunión do comité celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Nesta xuntanza, os representantes do Concello de Ourense informaron da licitación do contrato de transporte urbano na cidade. Este avance é fundamental para que a ampliación de liñas demandadas polos concellos sexa unha realidade.

Na mesa de traballo do comité participaron tamén o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; representantes dos concellos implicados, portavoces do PP, PSOE, BNG e DO na Deputación de Ourense; a responsable da área provincial de Infraestruturas, Marta Docampo; o secretario xeral da Deputación, Juan Marquina; e o xefe de servizo de Mobilidade, Hipólito Casas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

No tocante aos representantes dos concellos, comprometéronse a concretar as frecuencias coas que desexan utilizar as liñas de transporte xa determinadas.

Representantes da Xunta, Deputación de Ourense e dos concellos implicados participaron na reunión da comisión.
Representantes da Xunta, Deputación de Ourense e dos concellos implicados participaron na reunión da comisión.

Por outra banda, os representantes dos concellos que non resultan afectados nesta primeira fase do proceso abordaron a reordenación do transporte metropolitano cos representantes da Xunta de Galicia. O goberno autonómico xa ten información sobre a mesa para trazar un mapa acorde á nova realidade que demandan os veciños para mellorar a súa conectividade.

UN PASO MÁIS PRETO DO DESBLOQUEO

“Imos no bo camiño, o feito de que o prego do transporte municipal de Ourense estea licitado é un primeiro elemento imprescindible para dar máis pasos”, valorou o presidente da Deputación tras a terceira reunión do comité.

Menor destacou a vontade de todo os municipios que forman parte do proceso, que se unen para “superar todo os obstáculos e que o transporte metropolitano se poida implantar”. O presidente provincial subliñou que o obxectivo final do proceso é dar á veciñanza “unha conexión áxil, segura e pública”.

A Deputación ourensá activou esta comisión político-técnica para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense, cumprindo así o compromiso adquirido mediante acordo plenario unánime provincial.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.