O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, mantiveron unha xuntanza con Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade. Esta xuntanza de traballo celebrada nas dependencias da Consellería de Sanidade nos edificios administrativos de San Caetano, serviu para abordar a situación do centro de saúde de Bertamiráns.
O Goberno municipal de Ames mantivo unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que se abordaron diferentes temas que lle afectan á veciñanza de Ames. Deste xeito, púxose en coñecemento o a situación do centro de saúde de Bertamiráns e a necesidade dunha mellora e ampliación, así como o equipo no PAC. O conselleiro comprometeuse a visitar o centro de saúde amesán para coñecer de primeira man as situacións plantexadas.
O alcalde e maila concelleira de Promoción da Saúde trasladáronlle ao conselleiro a necesidade de poñer en marcha un proxecto de ampliación do centro de saúde de Bertamiráns que, con máis de 30 anos ao servizo da veciñanza amesá, precisa ser ampliado e reordenado para prestar un servizo de calidade, pois “está obsoleto e xa non responde ás necesidades dun concello das dimensións de Ames”, afirma o rexedor.
O Concello de Ames cederá o terreo anexo ao actual centro de saúde para poder executar a súa ampliación. Proximamente o goberno municipal levará a pleno este tema para que poida ser tratado e aprobado, se procede, pola Corporación municipal. No pleno ordinario de agosto, celebrado o pasado 11 de setembro, aprobouse por unanimidade unha moción para que se atendan as necesidades técnicas e humanas do PAC e do centro de saúde de Bertamiráns.