PUBLICIDADE

O Concello de Boimorto adquire un novo vehículo para a área de servizos sociais

Novo vehículo para a área de servizos sociais no Concello de Boimorto

O Concello de Boimorto adquiriu un vehículo DACIA Sandero híbrido para reforzar a área de servizos sociais municipais. A administración local optou á unha liña de axudas da Deputación da Coruña para este fin e licitou a adquisición por 19.999,99 euros, sendo finalmente adxudicada polo importe de 19.253,36 euros.

A alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, recibiu no municipio ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para a presentación do novo vehículo. Alí, agradeceu a axuda provincial para adquirir este equipamento “altamente necesitado e demandado”, xa que é “indispensable para o correcto funcionamento da nosa área de servizos sociais”, anotou a rexedora boimortesa.

BOIMORTO RECLAMA Á DEPUTACIÓN UN CONVENIO PARA AMPLIAR Á RESIDENCIA DE MAIORES

PUBLICIDADE

A continuación, a comitiva desprazouse ata a residencia e centro de día municipais de Boimorto, onde percorreron as instalacións e interactuaron co persoal e as persoas residentes. Durante a visita escoitaron as peticións das traballadoras do centro e comprobaron o avance das obras de ampliación actualmente en execución.

Trátase dunha ampliación subvencionada con 500.000 euros da Xunta de Galicia, 83.320,47 euros da Deputación da Coruña e 20.830,12 euros das arcas municipais. Con esta obra actualmente en curso ampliarase as prazas da residencia ata albergar a 54 persoas, ademais das 20 prazas actuais do centro de día.

Non obstante, a alcaldesa aproveitou a visita do presidente provincial para solicitar a sinatura dun convenio que permita ampliar máis as instalacións. “Cando este equipo de Goberno chegou á Alcaldía, só había 28 prazas na residencia municipal; agora estamos a piques de ofrecer 54”, explicou a rexedora. “O noso compromiso co benestar das persoas maiores de Boimorto é absoluto e precisamos do apoio da Deputación da Coruña para seguir mellorando as instalacións e a calidade de vida dos residentes”, finalizou Novo.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.