Os Concellos de Barbadás, Castrelo do Miño, Taboadela e Toén acolleron o obradoiro dual de emprego “Concellos Rurais” entre o 2023 e 2024. Grazas a esta iniciativa, dous grupos de alumnado-traballador formáronse nas especialidades de albanelaría e xardinería. Durante este programa formativo o alumnado recibiu formación teórica e práctica para a obtención dos certificados de profesionalidade de “Fábricas de Albanelaría” e “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes”.
Os traballos realizados nos municipios foron de gran importancia para mellorar a infraestrutura pública e os espazos verdes. No caso do Concello de Barbadás, o equipo de albanelaría efectuou melloras no parque próximo á antiga escola de Bentraces. Máis en detalle, realizaron pequenas reparacións nas gretas do espazo, ampliaron a superficie de xogo cun areeiro, instalaron pavimento de caucho protector homologado e colocando unha varanda de 16 metros para separar as áreas recreativas e de xogos infantís. Tamén se actuou na área axardinada, onde se instalou un sistema de rego por goteo.
Outra das actuacións destacadas foi a rehabilitación da fonte pública de Parada de Piñor, na que se retirou a cuberta de fibrocemento e a estrutura metálica que a sustentaba. Tras reparar as fugas de auga, limpouse a pedra e instalouse un pavimento adoquinado e enlousado en pedra do país, xunto a novos bancos e bolardos de pedra que substituíron as antigas estruturas de ferro.
No eido da xardinería, os traballos abrangueron diversas zonas do municipio, con poda de árbores, limpeza de áreas verdes e recreativas e melloras en parques como o de Currás ou o situado baixo a rúa do Areal, onde se plantaron corenta exemplares de photinia e outras especies arbóreas.
Estas intervencións foron posibles grazas á formación e ao compromiso do alumnado-traballador, que dedicou un 35 % da súa xornada á formación e o 65 % restante á realización dos traballos, contribuíndo á mellora da estética e das infraestruturas públicas do municipio.