O Concello de Pereiro de Aguiar avanza na modernización integral das infraestruturas vinculadas ao ciclo da auga grazas ao PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga. Este enmárcase no proxecto provincial “OU-Intelixente: provincia da auga”, desenvolvido pola Deputación a través de AquaOurense.
En total, 21 instalacións municipais forman parte dun proceso de mellora destinado a optimizar a depuración, reducir consumos enerxéticos, dixitalizar instalacións e garantir o cumprimento dos estándares ambientais esixidos pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Entre estas instalacións contan depuradoras, bombeos e o tanque de treboadas.
Máis en concreto o proxecto abrangue dez Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR), incluíndo Santa Marta, Os Gozos, A Derrasa, Pereiro, Monterrei, Sabadelle, Loñoa e Tapada de Bouzas. Asemade, dez bombeos de augas residuais repartidos polo Penedo, Monterrei, Pedraio, Santa Marta, Albaredo-Boeiros, Sabadelle, Cruceiro-Loñoa ou Estrada A Grovia. Finalmente, un tanque de treboadas na urbanización Monterrei.

O obxectivo é lograr un ciclo da auga máis eficiente, dixital e seguro no Pereiro de Aguiar. Con esta fin, mellorarase a eficiencia dos procesos de depuración, reducirase o consumo enerxético, dixitalizarase todo o sistema municipal de saneamento, incrementarase a fiabilidade das instalacións e evitaranse vertidos incontrolados.
Neste proceso estanse a dar avances significativos, con instalacións ao 100%, como a depuradora compacta de Santa Marta, a EDAR Monterrei e o bombeo de Santa Marta. Ademais, un amplo número de depuradoras e bombeos presentan avances do 60% ao 90%. Nestas xa se instalaron sensores de calidade, equipos de medición, cámaras IP e sistemas de telecontrol.
A depuradora compacta de Santa Marta constitúe o exemplo máis visible do novo modelo dixital. Xa conta con telecontrol, alarmas en tempo real, caudalímetros, sondas de calidade e acceso remoto, permitindo detectar incidencias de forma inmediata e evitar vertidos inesperados.
O PEREIRO DE AGUIAR PRETENDE REMATAR AS OBRAS EN NOVEMBRO
Prevese que, unha vez completados os traballos de obra civil pendentes, a totalidade das actuacións no concello queden rematadas durante o mes de novembro. A partir dese momento comezará unha fase crítica de axuste e optimización para garantir a estabilidade dos procesos biolóxicos, a integración plena dos sistemas de telecontrol, a redución de consumos e a mellor resposta ante episodios de choiva ou posibles incidencias.
O Concello destaca que este proxecto supón un salto cualitativo sen precedentes na xestión da auga no Pereiro de Aguiar, modernizando infraestruturas, mellorando a calidade ambiental e asegurando un sistema máis eficiente, dixitalizado e sostible.
O alcalde pereirao, Luís Menor, valora moi positivamente o avance das actuacións. Subliña que “este PERTE permitirá que Pereiro sexa un concello máis eficiente, máis sostible e mellor preparado para os retos ambientais e tecnolóxicos dos próximos anos”.



