O Concello do Pereiro de Aguiar vén de rematar varias obras viarias que supoñen unha mellora na mobilidade e na seguridade. Máis en concreto, trátanse dos traballos na senda urbana entre Santa Marta e Derrasa e a actuación na estrada provincial na parroquia de Sabadelle.
Por unha banda, finalizou a intervención na senda urbana entre Santa Marta e a Derrasa. Trátase da estrada principal que une as dúas poboacións, na que se executaron constantes melloras nos últimos anos. Nesta liña, a última supuxo a creación dunha senda peonil e ciclista entre os lugares, que só queda pendente do pintado da vía. Estas obras supoñen a mellora das prestacións para os vehículos e a seguridade na mobilidade de peóns e ciclistas.
Pola outra banda, rematou a actuación na estrada provincial da Deputación de Ourense ao seu paso pola parroquia de Sabadelle. Neste caso, a intervención consistiu na mellora do firme e sinalización, para axeitalo ao crecente tráfico que diariamente acceden dende o Pereiro de Aguiar ao Concello de Nogueira e ao de Ourense a través de Velle. Esta alternativa evita que as persoas usuarias teñan que transitar a cada vez máis saturada OU-536.
Con esta intervención, avánzase na reforma integral desta vía, que dá servizo aos case 500 veciños e veciñas da parroquia de Sabadelle e a todos os da contorna, incluíndo á veciñanza de Nogueira.