A Xunta e o Concello de Ferrol participaron no acto de clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE). Este estivo promovido pola administración local e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que investiu 220.000 euros. Nesta edición participaron 112 alumnos e alumnas.
O alumnado mellorou a súa formación en ámbitos vinculados ao sector da alimentación, almacén, limpeza e comercialización, entre outros. Ademais recibiron cualificación transversal en novas tecnoloxías, técnicas de busca de emprego, habilidades sociais, intelixencia emocional ou emprendemento.
62% DE INSERCIÓN LABORAL DO ALUMNADO DO PIE
Durante a súa intervención, Aneiros destacou o 62% de inserción laboral acadada polo alumnado do PIE, “superando con creces o obxectivo marcado ao inicio do programa situado nun 43%”. Así, animou aos participantes a aproveitar a formación adquirida de cara a mellorar as súas oportunidades de atopar un posto de traballo.
A delegada territorial lembrou que o Programa Integrado de Emprego de Ferrol estivo dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral a través de diferentes accións e durante un período de 12 meses.
Pola súa banda, o rexedor ferrolán felicitou aos alumnos e alumnas, ao equipo que participa na súa formación e ás 19 empresas adheridas ao programa. Nesta edición participaron persoas de colectivos prioritarios como en risco de exclusión social, con discapacidade, mulleres vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración ou persoas inmigrantes, entre outros.
“Tras un período en diferentes itinerarios formativos, estes alumnos convértense en novos profesionais cualificados que están desexando poder poñer en práctica os coñecementos adquiridos”, manifestou Rey Varela. O emprego permite a autonomía e integración destes grupos de poboación e “desde o Concello de Ferrol estudamos cales son os principais nichos de emprego nestes momentos para ofrecer unha formación integral e transversal que nos permita axudalos a conseguir un posto de traballo”, engadiu.
No presente curso 2024/2025 a Xunta de Galicia financia con 580.000 euros un total de tres Programas Integrados de Emprego (PIE) nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Trátase dos PIE promovidos polo Concello de Ferrol, polo Concello das Pontes, que abrangue tamén como ámbito de actuación os municipios das Somozas e A Capela; e pola Mancomunidade de Concello da Comarca de Ferrol, exclusivo para mulleres.