A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou o Plan Anual de Contratación de 2025. As previsións do Plan recolle un total de 90 contratos por un importe de 50 millóns de euros para o presente exercicio.
“Presentamos este Plan co obxecto de acadar unha adecuada planificación e mellora da actividade contractual do Concello de Ferrol”, afirmou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela. Así mesmo, recordou que é o segundo plan destas características no mandato e “o compromiso é facer un cada ano para mostrar que as obras orzamentadas son executadas”.
O obxectivo é lograr máis transparencia na contratación e acadar unha maior concorrencia de licitadores, obtendo así mellores ofertas. Así mesmo, a planificación serve para desenvolver unha visión estratéxica da contratación e proporciona información para unha xestión máis eficiente dos recursos.
“Os proxectos pendentes do primeiro plan incorpóranse e seguirán o seu curso, xa que sabemos que a reorganización dunha administración que estaba paralizada leva moito tempo”, sinalou o rexedor. “En ano e medio fixemos adxudicacións por valor estimado de 75 millóns de euros, mentres que durante os catro anos do mandato pasado o valor estimado das adxudicacións foi de 57 millóns de euros”, revelou.
Grazas ao Plan Anual de Contratación evítanse reparos de legalidade por unha inadecuada planificación, evítanse servizos sen contrato e tramitacións precipitadas con fraccionamento de contratos. Ademais, reforza o Servizo de Contratación para adecualo ás dimensións da programación contractual, en aras a evitar a acumulación de expedientes neste servizo.
“Cando chegamos ao goberno había catro persoas nesta área, incorporamos dúas máis; un técnico e un oficial administrativo, un 50% máis que permitiu axilizar o proceso de contratación dado o número de proxectos e servizos que estamos a licitar”, informou o rexedor.
CONTIDO DO PLAN
Este plan elaborouse coas previsións contractuais remitidas polos distintos servizos e áreas municipais. Así, contén a información relativa aos contratos cuxo anuncio de licitación está previsto publicar dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do 2025. Non obstante, a execución dos contratos poderase desenvolver no exercicio orzamentario de 2025 ou de forma plurianual, quedando excluídos os contratos menores.
É un documento programático con datos estimativos e non vinculantes, xa que non esgota a totalidade dos contratos que o Concello poderá licitar durante o exercicio 2025. “Trátase dun instrumento dinámico, suxeito ás modificacións e situacións conxunturais propias da actividade municipal”, puntualizou o alcalde ferrolán.
PLAN ANUAL CONTRATACIÓN
Unha das áreas que contempla un maior investimento é Urbanismo, con 21,6 millóns de euros, xa que recolle actuacións importantes. Algunhas son as fases 2, 3 e 4 do proxecto de Abrir Ferrol ao mar, a reurbanización da rúa Rubalcava, por 1,5 millóns; actuacións no castelo de San Felipe, por 1,1 millóns; a remodelación das pistas deportivas de fútbol do Galicia de Caranza, cun orzamento de 876.000 euros; a Fase V da accesibilidade dos pasos de peóns, cun custo de 555.000 euros; melloras no mercado de Recimil, por 2,5 millóns de euros; a reurbanización da praza Rosalía de Castro, orzamentada en 945.000 euros; o parque infantil cuberto de Porta Nova, por 270.000 euros; a obra do Bambú Club, por 485.000 euros; e o servizo oficina de rehabilitación, cun custo de 235.000 euros.
No tocante á área de Servizos, recolle contratacións por máis de 10,4 millóns. Algunhas son o contrato de recollida de residuos e limpeza viaria, valorado en 9,2 millóns de euros por nove anos; o mantemento de instalacións térmicas do Concello, polo importe de 350.000 euros; e a renovación da instalación eléctrica do castelo de San Felipe, por 95.000 euros.
A área de Obras contempla actuacións por máis de 4,6 millóns de euros. As de maior importe son o plan de choque de pintado e do mantemento de vías, cada un con 1,5 millóns; o aglomerado da estrada ao faro de Covas e un importante número de asfaltados de vías e camiños da zona urbana e do rural.
En canto á área de Deportes, investiranse 8,5 millóns de euros. Así pois, destinaranse 2,2 millóns de euros ao mantemento e limpeza das instalacións deportivas e seis millóns de euros para a fase de actuación en Fimo da Cidade do Deporte.
No tocante á área de Seguridade e Tráfico, ten máis dun millón de euros para a renovación do parque móbil, coa compra de tres vehículos, dúas motobombas para o parque de bombeiros, por 400.000 euros; e outro para seguridade por valor de 200.000 euros. Así mesmo, súmase a adquisición de material para os corpos de seguridade.
Na área Social, destinaranse máis de 537.000 euros para obras nas casas de acollida e da muller e máis de 313.000 euros para os comedores sénior e actividades para fomentar un envellecemento saudable.
Finalmente, achegaranse 829.000 euros á subministración de servizos e equipamento para facilitar o traballo diario ao funcionariado e axilizar a administración.