A xunta de Goberno local do Pereiro de Aguiar aprobou unha serie de axudas de apoio á veciñanza, dentro do plan Reactiva Pereiro 2024. Trátase de medidas para axudar economicamente ás familias pereirás e fomentar a natalidade.
Por una banda, o Goberno local convocou axudas á natalidade ou adopción, a través da “tarxeta benvido ao Pereiro”. Neste sentido, ofrécese unha achega de 250 euros por cada nena ou neno nado ou adoptado. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de novembro.
Pola outra banda, a administración local ofrece subvencións a familias numerosas. Estas varían no importe dende un mínimo de 200 euros ata un máximo de 300 euros. O prazo de presentación de solicitudes tamén está aberto ata o 30 de novembro.
Así mesmo, o Concello do Pereiro de Aguiar lembra que xa foi convocada o pasado mes a liña de axudas para a adquisición de libros e material escolar. Neste senso, estas medidas forman parte do plan Reactiva Pereiro, que se remonta ao ano 2020.