PUBLICIDADE

O PP de Melide acusa ao goberno local de “incumprir coa estabilidade orzamentaria”

PorBisbarra

Luns, 2 Xuño 2025 , , ,

O Grupo Municipal Popular de Melide vén de informar nun comunicado que “o Concello incumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria e, como consecuencia, verase obrigado a aprobar un Plan Económico-Financeiro (PEF) nas anualidades 2025-2026. Este feito xa fora anticipado polo PP nos últimos plenos, alertando das consecuencias das modificacións orzamentarias aprobadas durante os anos 2023 e 2024″.

Desde o Grupo Popular explican que “advertiuse reiteradamente de que a xestión do goberno local conduciría a unha situación de inestabilidade económica. A realidade confirmouse agora cun desequilibrio orzamentario de -53.293,54 euros, segundo os informes emitidos pola Intervención Municipal, que obrigan á posta en marcha do correspondente PEF”.

A portavoz popular, Dalia García, lembra que “o noso grupo xa advertiu no pleno de aprobación dos orzamentos de 2025 que o Concello incumpría a regra de estabilidade, algo que agora se constata oficialmente”. García sinala que “o tripartito liderado por Pérez puxo en marcha unha política económica baseada no gasto corrente sen planificación, sen investimentos estruturais e esgotando o aforro municipal que deixou o anterior goberno, con máis de 4 millóns de euros en remanente de tesourería”.

PUBLICIDADE

Desde o PP acúsase ao goberno local de “desatender sistematicamente as advertencias dos técnicos municipais, malgastar recursos en gasto corrente mediante contratos menores —moitos deles con reparos de Intervención— e abandonar proxectos fundamentais para Melide como a piscina municipal, o parque empresarial, a rede de saneamento ou as melloras nas parroquias”.

O Grupo Municipal Popular considera este incumprimento unha mostra máis da “ineficacia e falta de rigor dun goberno que non planificou nin executou proxectos estratéxicos para o futuro do municipio e que, agora, ten que afrontar as consecuencias da súa xestión”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.