O Campionato Galego de tiro con arco, que contou con máis de 200 deportistas, serviu tamén como acto inaugural e apertura á cidadanía do novo campo de tiro de Río Pozo na cidade de Narón
O Campionato Galego de tiro con arco foi a cita elixida para a inauguración e apertura á cidadanía do novo campo de tiro de Río do Pozo, no Concello de Narón. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, a voceira do PSOE local, Silvia de Arriba, e o deputado provincial da área de Deportes, Antonio Leira, desprazáronse o sábado pola maña ata o novo campo no que foron recibidos, xunto aos deportistas dos 29 clubs participantes, pola presidenta do Club Arco Narón, Magdalena Abella, o vicepresidente Anxo Grandal.
Grandal deu a benvida aos asistentes ao novo campo e agradeceu os esforzos “da Deputación da Coruña, da Federación Galega de tiro con arco, que nos concedeu este campionato fiándose de nós, e do Concello de Narón, que nos leva axudando 24 anos e ao que lle estamos agradecidos de todo o que fai por nós”.
Pola súa banda, o deputado provincial de Deportes asegurou que “é un placer estar con vós aquí e un orgullo por ver que o que facemos dende as administracións é útil para a sociedade”, ao tempo que incidiu en que “ver estes rapaces, que son a base do deporte, é o que lle dá sentido e polo que nós temos prioridade”. Agradeceu tamén Leira colaboración do Concello de Narón, destacando o investimento realizado entre ambas administracións.
Finalmente, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, recalcou que “custou chegar ata aquí pero é un día de emoción, para o recordo”. “Tiñamos que facer este campo porque despois de tanto tempo practicando este deporte dende o club, creado no 2001, fomentándoo, tiñamos que estar á altura das súas necesidades”, asegurou. Así mesmo, agradeceu a colaboración da Deputación, o esforzo do club durante todo o ano para fomentar as bases e este deporte en xeral, e sentirnos moi orgullosos do tecido deportivo da nosa cidade”.
Ao longo de toda a tarde do sábado e da xornada do domingo 1 de xuño, dende as 10:00 ata as 19:30 horas, un total de 203 deportistas participaron nesta competición que reune aos mellores tiradores galegos dunha especialidade con arraigamento en Narón e na comarca.
