O voceiro do PP de Padrón advertiu de que a achega de 320.000 euros para a reforma da Praza de Abastos “vai polo mesmo camiño, por culpa da xestión incompetente do alcalde”
O PP de Padrón, a través do seu voceiro Ángel Rodríguez Conde, forzou onte no Pleno ao goberno local a recoñecer que acaba de perder “por culpa da súa xestión incopetente” a subvención de 396.000 euros outorgada pola Xunta de Galicia para a rehabilitación da escola infantil. Ademais, advertiu de que outra achega autonómica de 320.000 euros para a reforma da Praza de Abastos “vai polo mesmo camiño”.
Rodríguez Conde lembra que da mesma forma que no seu día o goberno socialista de Anxo Arca “presumiu da súa capacidade de captación de fondos externos ao conseguir a achega para a escola infantil”, agora tócalle asumir que “a súa incapacidade e unha nefasta xestión non só van supoñer un retraso evidente na execución do proxecto, co consecuente prexuízo ás familias, senón que privarán ás arcas municipais de recibir uns fondos tan importantes”, matizou.
O voceiro popular en Padrón tacha de “ridículas e lamentables” as “piruetas dialécticas” do alcalde e da concelleira responsable da área para “intentar xustificar a perda da subvención e tratar de agochar a súa xestión incompetente”.
“Cando a licitación do proxecto quedou deserta, primeiro culparon ás empresas construtoras e agora responsabilizan ao retraso dos informes sectoriais. Xa non saben que inventar para retorcer a realidade da súa nefasta xestión” (Ángel Rodríguez Conde, voceiro do PP de Padrón)
“A soberbia deste goberno e deste alcalde é tan grande que lévaos a autoenganarse e a mentirlle á veciñanza ao cualificar a perda da subvención como unha renuncia por un exercicio de gran responsabilidade”, resalta o voceiro do PP, e engade que “a realidade é que entre a gardaría e a praza de abastos este goberno incompetente vai perder máis de 700.000 euros de axudas da Xunta por non centrar a súa xestión nas cuestións realmente importantes e priorizar a fanfarria e a venda de fume”.
Por outra banda, no pleno de onte quedaron aprobadas cos votos favorables dos edís do PP e a concelleira do PP as dúas mocións presentadas polo Partido Popular para instar ao goberno local a regularizar e licitar nun prazo máximo de seis meses os postos tanto da praza de abastos como do mercado dominical.
Respecto ao mercado dos domingos, tanto Rodríguez Conde como Javier Guillán afeáronlle ao alcalde que se atribúa en exclusiva o cobro de preto dun millóns de euros en taxas dos postos atrasadas de exercicios anteriores e reivindicaron que esa regularización foi posible grazas ao “inxente traballo” de actualización dos padróns fiscais realizado polo goberno anterior.
“Como non lle conviña a verdade que previsiblemente ía dicir, o alcalde onte impediu que falara no pleno o interventor, cando noutras ocasións teno utilizado como escudo”, resaltou o voceiro popular, unha formación que lle reclamou a Anxo Arca que a citada recadación dun millón de euros revirta directamente en investimentos para a mellora do propio mercado dominical, actuando en áreas como a limpeza, a seguridade, a sostibilidade, a accesibilidade, a promoción…




