PUBLICIDADE

A Papanoelada Cicloturista de Arzúa partirá da Praza de Galicia o 21 de decembro

Reunión para preparar a II Papanoelada Cicloturista do Concello de Arzúa que se desenvolverá o vindeiro 21 de decembroReunión para preparar a II Papanoelada Cicloturista do Concello de Arzúa que se desenvolverá o vindeiro 21 de

A Papanoelada Cicloturista, xornada lúdico deportiva, xa ten aberta a inscrición e dende o Concello animan a toda a veciñanza a participar vestidos de Papá Noel ou con motivos do Nadal

A Papanoelada Cicloturista chega de novo a Arzúa. O Concello xa prepara unha actividade lúdico deportiva que se consolidou na programación do Nadal tras a excelente acollida do público na súa primeira edición o ano pasado. A cita, organizada polo departamento de Turismo, terá lugar o domingo 21 de decembro e apostará de novo por combinar deporte, dinamización social e ambiente festivo nas rúas da vila.

A Papanoelada Cicloturista dará comezo ás 10:00 horas e terá a saída da ruta principal dende a Praza de Galicia. Será un percorrido de 20 quilómetros pola contorna do municipio, pensado para quen queira gozar da práctica ciclista nun ambiente festivo propio destas datas.

Posteriormente, contra as 12:15 horas, desenvolverase unha xincana de 800 metros destinada á participación da cativada e de todas aquelas persoas que prefiran unha actividade máis suave, co obxectivo de que a Papanoelada estea aberta a distintos niveis e idades.

PUBLICIDADE

A Concellería de Turismo anima a participar vestindo traxe de Papá Noel ou incorporando algún elemento decorativo vencellado ás Festas de Nadal, procurando recrear de novo a marea vermella que se converteu na imaxe desta iniciativa. Ao remate das rutas, ofrecerase chocolate quente con churros e biscoito na Praza de Galicia para todos os participantes, como agradecemento pola súa asistencia. Tamén se realizará o sorteo dunha cesta de Nadal composta por produtos típicos destas datas.

A xornada estará amenizada por un DJ, que se encargará de poñer a ambientación musical durante todo o desenvolvemento da actividade. As inscricións son de balde e pódense formalizar enviando un correo electrónico a nadalarzua@gmail.com.

A concelleira de Turismo, Begoña Balado, lembra que “o ano pasado a resposta foi extraordinaria e superou calquera expectativa, consolidando unha actividade que naceu para quedar. Este Nadal queremos volver vivir unha xornada inesquecible, porque non hai mellor maneira de celebralo que pedalear pola nosa vila, gozar da nosa contorna e compartir sorrisos. Desde os máis pequenos ata os maiores, todos teñen o seu espazo nesta cita”, precisou.

Con esta nova edición, a Concellería de Turismo reafirma o seu compromiso con actividades que consolidan Arzúa como un destino verde, que aposta pola promoción do seu territorio e pola dinamización social, proxectando unha vila acolledora, dinámica e chea de vida durante todo o ano.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.