Isabel Dobarro celebrou onte cun concerto, na cidade que a veu nacer, a consecución do premio Latin Grammy 2025 ao Mellor Álbum de Música Clásica polo seu primeiro disco en solitario Kaleidoscope, nunha cerimonia que tivo lugar nas Vegas nos Estados Unidos o pasado 13 de novembro.
A concertista compostelá, unha das pianistas españolas con máis proxección internacional, subiuse ao escenario do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela e ofreceu aos espectadores a súa viaxe sonora caleidoscópica con composicións de creadoras como Karen Tanaka, Zulema de la Cruz, Ann Southan ou Consuelo Díez, entre outras.
O concerto en solitario ofrecido pola pianista santiaguesa Isabel Dobarro forma parte do ciclo de música clásica que está a desenvolver o Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, e que hoxe, tamén no Auditorio de Galicia, contará coa estrea do coro masculino dos Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, a partir das oito e media cun prezo de 12 euros.





