PUBLICIDADE

O PP de Santiago denuncia un incremento das pelexas e da inseguridade na cidade e reclama “deixar de negar a realidade”

PorBisbarra

Mércores, 20 Maio 2026 , , ,
Os populares Olaya Otero e José Ramón de la Fuente

O Partido Popular de Santiago denunciou hoxe o “deterioro progresivo da convivencia e da seguridade” na cidade e acusou ao goberno local de Goretti Sanmartín de “negar permanentemente un problema que cada vez preocupa máis a veciños, comerciantes e familias compostelás”.

Nunha comparecencia na que participaron José Ramón de la Fuente e Olaya Otero, os populares advertiron do aumento das pelexas, altercados e rifas tumultuarias en distintos puntos da cidade e reclamaron ao executivo municipal que abandone “a pasividade e a negación” e actúe con medidas concretas.

“A convivencia en Santiago está a deteriorarse e o Concello segue negando o problema e mirando cara a outro lado”, afirmou José Ramón de la Fuente, quen insistiu en que “non falamos de percepcións illadas nin de casos puntuais, senón de feitos reiterados que están a xerar preocupación social e unha evidente sensación de inseguridade”.

PUBLICIDADE

O concelleiro popular lembrou que “os datos oficiais do Ministerio do Interior reflicten un aumento da criminalidade en distintos ámbitos, e moi especialmente nas pelexas, liortas e rifas tumultuarias”. Segundo explicou, “desde 2023, primeiro dato con BNG e CA no goberno, as pelexas e rifas sofren un incremento do 78,26%”.

“As pelexas e rifas tumultuarias forman parte da preocupación diaria de moitos veciños con razón”, advertiu.

De la Fuente criticou duramente a actitude do goberno local ante esta situación e asegurou que “o máis grave non é só o aumento destes episodios violentos, senón a pasividade política de quen ten a responsabilidade de actuar”.

“Levamos meses escoitando ao goberno de BNG e CA repetir que Santiago é unha cidade segura e chamándonos apocalípticos, esaxerados e alarmistas”, lamentou, antes de responder que “quen alerta do problema non crea alarma; o que alarma é comprobar que o goberno de Goretti Sanmartín ignora o problema e está de brazos cruzados”.

O edil popular advertiu de que “cada vez son máis frecuentes as pelexas multitudinarias, os enfrontamentos violentos na vía pública, os altercados nocturnos e as agresións vinculadas a problemas de convivencia”, e acusou ao executivo local de “preferir negar o problema antes que afrontalo”.

Ademais, trasladou o apoio do Partido Popular ás asociacións veciñais, comerciantes e colectivos cidadáns “que levan moito tempo denunciando estes feitos” e que, segundo indicou, “sofren deterioración da convivencia, medo en determinadas rúas e prazas, conflitos recorrentes durante a noite e perda de tranquilidade nos seus barrios”.

“Reclamar seguridade e convivencia non é esaxerar. É defender o dereito de calquera veciño para vivir tranquilo na súa cidade”, sinalou.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.