PUBLICIDADE

O toquense José Manuel Barreiro, recolle o ouro pola calidade do leite da súa explotación

PorBisbarra

Venres, 19 Decembro 2025 , , , , ,
José Manuel Barreiro, recolleu o seu recoñecemento na gala celebrada en Santiago.

José Manuel Barreiro Vázquez, vén de recoller o ouro na categoría de gandaría semiextensiva pequena nos IX Premios Exceleite , que recoñecen o esforzo, a profesionalidade e o bo facer dos gandeiros galegos en diferentes categorías.

A este acto, que se celebrou en Santiago de Compostela, asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen destacou o papel fundamental do sector lácteo como motor de desenvolvemento económico e social da comunidade. Nesta liña asegurou que todo o ecosistema vencellado ao sector lácteo -desde gandeiros ata a industria transformadora ou os transportistas- “son un tesouro que hai que coidar” e que co que contan co apoio do Executivo autonómico. Galicia vén de consolidarse como unha potencia leiteira de referencia internacional, situándose entre as dez principais rexións produtoras da Unión Europea.

APOIO Á REMUDA XERACIONAL

PUBLICIDADE

​Malia o bo momento do sector, con prezos que manteñen unha tendencia positiva e unha capacidade de transformación na propia comunidade que se sitúa próxima ao obxectivo do 75%, o presidente recoñeceu os retos que aínda ten por diante o rural, como a seguir ampliando a modernización e a remuda xeracional.

​Neste sentido, cómpre lembrar o compromiso nos orzamentos de 2026, nos que a Xunta destinará arredor de 24 millóns de euros para facilitar a incorporación de mozos e mozas ao agro e duplicará a partida destinada ao programa de titorización e asesoramento, ou o apoio á transformación que fan as industrias (19,6 M€).​

​​Ademais, a Administración autonómica seguirá ao carón dos gandeiros con ferramentas como o novo Banco de Explotacións –para poñer en contacto a gandeiros que se xubilan con interesados en coller o negocio– ou medidas de sanidade animal para seguir protexendo o alto status sanitario da cabana gandeira galega.

OUTROS GALARDOADOS

Os Premios Exceleite divídense en tres categorías en función do seu sistema de produción –extensivo, semiextensivo e intensivo– e outra que recoñece tamén as mellores explotacións ecolóxicas. En total, outorgáronse 10 premios a 20 galardoados. 

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.